Máis de 250 veciños degustaron elaboracións con cogumelos en Ribadavia

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

Un momento do cocinado das setas
Un momento do cocinado das setas

A Asociación de Mulleres Rurais organizou unha das citas ineludibles do outono en O Ribeiro

28 oct 2024 . Actualizado a las 19:05 h.

Ribadavia celebrou este domingo a súa tradicional degustación de cogumelos, organizada como cada ano pola Asociación de Mulleres Rurais Nosa Señora do Portal. A praza Maior do municipio acolleu a xuntanza dos veciños, que non quixeron perder a proba dun dos sabores máis vinculados ao outono. 

Durante a xornada servíronse máis de 250 pratos de cogumelos cociñados con xamón á prancha e tamén guisados con arroz, unha das elaboracións prefiridas dos comensais. Esta edición superou á asistencia dos anos anteriores. Preparáronse máis de corenta quilos de cogumelos, o que consolida a degustación como un dos eventos gastronómicos máis destacados da tempada na comarca.

Os veciños fixeron cola para probar a súa ración de setas
Os veciños fixeron cola para probar a súa ración de setas

O evento, que contou co apoio e colaboración do Concello de Ribadavia, supuxo unha oportunidade para saborear a gastronomía local, ademais de converterse nunha xornada de convivencia veciñal. «Esta cita é un claro exemplo de como as nosas tradicións poden converterse nun motor de dinamización, atraendo tanto a veciños como a visitantes. Esta iniciativa é posible grazas ao compromiso e dedicación da Asociación de Mulleres Rurais e representa o espírito de comunidade e colaboración que caracteriza á nosa vila», comentou a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez.