
Concha Bieito, de la Panadería Felipe, xubílase tras atender a varias xeracións de veciños de Francelos
31 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Concha e o seu marido Felipe colleron xuntos unha panadería con 22 e 24 anos sen ter nin idea do oficio. Non hai dúbida de que aprenderon ben e atenderon «sendo cariñosos» aos veciños de Francelos porque o negocio leva funcionando 42 anos. No forno estivo ela, pero xubilouse hai unhas semanas porque xa lle toca descansar. Ribadavia despídese dunha das súas panadeiras «de toda a vida», que non fallou nunca. «O único día que non saíu o pan foi unha vez que non houbo luz, sempre estivemos aí», lembra.
A parella de Ribadavia chegou ao forno sendo moi nova por proposta do anterior dono. Primeiro estiveron un tempo de aluguer ata que abriron o seu propio local. Esa primeira etapa serviulles para aprender o oficio. «Ensinounos o que a traballaba antes e despois a base de facer foi como fomos mellorando», conta. Lembra que naquela vella panadería cociñaban nun «forno terceiromundista» de pedra que había que varrer con cepillo. Non foi impedimento para crecer e manterse a pesar de que tamén había outra panadería na parroquia. Agora xa quedan solo eles. Facían pan e empanadas todo totalmente artesanal. «Está todo pesado, amasado e elaborado a man, non pasa por ningunha máquina», apunta. Ademais, a receita é deles, buscando un produto de calidade con materia prima local. Despois da primeira etapa na panadería alugada, cando fixeron o seu propio negocio modernizaron o forno pero sempre seguiron cociñando con leña.
Concha asume que escolleu un oficio sacrificado, polos horarios e a necesaria constancia. Levaba máis de corenta anos traballando dende as catro da mañá ata as tres da tarde, de luns a venres. Iso sen contar os días de festa, que tiñan que empezar as doce da noite. «Cando es novo podes con todo, notei máis desgaste nos últimos anos cando era máis maior, os osos xa o sofren», afirma. Ela foi a que se encargou de estar á fronte do forno, mentres Felipe facía o reparto por Francelos, en Ribadavia, no colexio e nos últimos anos tamén Prexigueiro. «Eu prefería estar ao quente e non estar por aí os días malos ou de choiva», confesa entre risas.
Presume de que traballou cunha dedicación total para os veciños: «Non deixamos ao pobo de Ribadavia sen pan nin un solo día en 40 anos». O forno nunca parou mentres estivo nas mans de Concha, só lembra unha noite que non puideron cocer porque se quedaron sen luz a causa dun incendio. O resto de anos o pan sempre saíu adiante. «Cociñamos pese a todas as circunstancias», asume. Acostumouse en seguida ao oficio, que lle deu momento para estar moi contenta e outros de máis sufrimento. «Fomos ben fortes», defende.
Á resposta de se ao final lle gustaba o seu traballo, Concha é práctica é di que simplemente loitaron polos cartos. Pero si destaca o trato ca xente. Nas aldeas cada vez hai menos xente e os comercios locais esmorecen. «O pobos van a menos e é unha pena, é importante que se manteñan os negocios dos veciños locais», argumenta. Cando pechan, con eles vaise un trato próximo e unha vida en comunidade. «Eu non son brava, son cariñosa ca xente, pensei moito en non xubilarme aínda polo trato ca xente, doeume moito deixar de atendelos», confesa. Concha vendeulle pan a varias xeracións de veciños de Ribadavia cun trato persoal e incluso facendo favores fóra do horario laboral.
Felipe aínda traballa pero a parella xa ten relevo. Alugáronlle o negocio a uns rapaces de Ribadavia: «Eu estou contentísima de que o negocio siga, sería moi triste se pechase».
Disfrutará da festa da Istoria por primeira vez na súa vida
A xa xubilada panadeira está acostumándose a que o forno non lle quite tantas horas da súa vida diaria. Coincidiulle a súa retirada ca gran cita de Ribadavia, a festa da Istoria. A pesar de levar toda a vida vivindo e traballando ao carón da vila, nunca foi á festa: «Xúroche que solo vin o desfile e algunhas cousas pola televisión, nunca puiden ir».
O último fin de semana de agosto, a celebración multiplica o traballo na panadería. Concha Bieito estaba no forno dende as doce da noite porque as familias facían moitos máis pedidos, acudía xente doutros puntos do concello ou a comarca e incluso de fóra. Ademais, hai moita xente que acudía ata o negocio de Francelos para asar no forno o lacón para a festa e as comidas familiares. Pero agora tócalle a ela pasalo ben. «Levo toda a vida sen disfrutar», confesa. Agora, con case 64 anos, ten ganas de estar tranquila, estar ca xente que antes non tiña tempo e deixar descansar ao seu corpo. Fóra da panadería conta que ten que coidar da súa casa, do seu fillo e que lle gusta pasar o tempo na súa horta.