«A mensaxe vai dirixida aos mozos para loitar polo futuro»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

SAN CRISTOVO DE CEA

Antonio Cortés

O cabeza de lista de CxG reivindica unha aposta polo rural para vivir no agro con dignidade e servizos

16 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Mosquera Casero (San Cristovo de Cea, 1956) é un histórico do compromiso político. En 1979 entrou no Partido Galeguista e en 1981 xa figuraba candidato nas autonómicas. Foi concelleiro no seu pobo cando en 1987 un grupo de mozos presentou unha lista como alternativa ao veterano alcalde Hipólito Rodríguez Presas. Na política autonómica exerceu como secretario xeral técnico da Consellería de Pesca entre 1987 e 1989. É xefe do servizo de Intervención na Deputación de Ourense e profesor asociado na Facultade de Dereito da Universidade de Vigo.

-Debe ser o máis veterano dos candidatos deste 25-S.

-Por percorrido político pode ser, de estar na primeira liña non. Eu só aparezo, esporadicamente, cando as cousas son complicadas. Cando outros se agochan, alí estou para reivindicar un proxecto para Galicia no que a maioría dos galegos se sinta orgulloso de ser galego e que ten capacidades e potencialidades do seu futuro.

-As estatísticas póñenos sempre no vagón de cola. Cre que hai solución?

-Estamos aí porque os dirixentes que temos se adican ao mercadeo e á compra de votos, sen que a capacidade, o mérito e a competencia sexan as condicións para acceder aos postos públicos que controlan eses dirixentes. O resultado é un montón de individuos sen capacitación nin preparación arredor dun político para louvalo, que é para o que sirven. E as persoas capacitadas teñen que emigrar porque estes procesos se resolven por outros medios. Coñezo moi ben esa realidade.

-O rural é a nosa gran oportunidade perdida?

-Nós defendemos a valorización do rural e a aposta polas potencialidades da provincia. Mais iso ten que ir acompañado de outras medidas por parte da comunidade autónoma. Se desaparecen as escolas e os centros de saúde, ou non ofreces enlaces con transportes -o Avant está moi ben pero non para nas cabeceiras de comarca e deixa ser servizo a moitos ourensáns, agás aos da cidade- estás condeando ao rural. Estase deixando morrer o agro e non se vertebra a provincia. Que Valdeorras siga a reclamar a mellora da A-76 é un insulto e a proba da marxinación histórica da comarca.

-A emigración é o futuro?

-Non. Temos as xeracións mellor preparadas da nosa historia e hai que loitar por crear emprego nesta provincia, aproveitando os nosos recursos e atraendo empresas. Nós confiamos na xuventude, somos a candidatura con máis mozos, e a nosa mensaxe vai dirixida a eles porque o futuro que temos que xestionar é o deles e só estará ben definido e defendido se eles están dentro, traballando para conseguir un futuro mellor para Ourense.