Cea reunirá a máis de 300 gaiteiros no Festival Celtibérico

La Voz OURENSE / LA VOZ

SAN CRISTOVO DE CEA

Alberte Paz Garza

A edición do certame lembrará a García Castro, Muíño

30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival Celtibérico de Bandas de Gaitas protagonizará a actividade da fin de semana en San Cristovo de Cea. No municipio da comarca do Carballiño xuntaranse 300 gaiteiros de toda Galicia, Asturias e Portugal para participar nun certame que chega á duodécima edición e que nesta ocasión homenaxeará a Xosé María Alfonso García Castro, Muíño.

O festival foi presentado este martes na Deputación de Ourense nun acto no que participaron o vicepresidente Rosendo Luis Fernández; o alcalde de Cea, José Luis Valladares Fernández; o presidente da asociación Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas, e o director da Escola provincial de Gaitas e organizador do certame, Xosé Lois Foxo. O próximo domingo, día 3 de xullo, daranse cita no Campo da Saleta dezanove agrupacións de gaiteiros chegados de toda Galicia, Asturias e Portugal.

Na presentación do Festival Celtibérico de Bandas de Gaitas Xosé Lois Foxo, director do mesmo e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, sinalou que coa convocatoria «quixemos abrir unha porta ao mundo da gaita que tanto sufriu as consecuencias da pandemia, por iso é unha alegría a magnífica aceptación que tivo este evento». Tamén se referiu á figura de Xosé María Alfonso García Castro, Muíño, a quen cualificou como «o segredo das gaitas e un home que fixo un enorme servizo pola promoción das bandas».

Para o vicepresidente do organismo provincial o Celtibérico é xa unha cita inescusable para todos os amantes da música tradicional «e da beleza artística asociada aos certames de bandas de gaitas» -segundo sinalou Rosendo Fernández- e o alcalde de Cea, José Luis Valladares, salientou a importancia que para o seu municipio ten a organización do certame. O programa de actividades, que comezará ás 11.00 horas no Campo da Saleta, tamén inclúe a presentación do libro Temperando la gaita gallega y su mundo, de Fernando Malpeceres.

Mostra de cornamusas

Coincidindo co festival poderase visitar a exposición de cornamusas que se amosarán dende o 1 xullo ao 15 de agosto no Multiusos de Cea. A mostra Cornamusas de culturas primitivas é un proxecto desenvolvido por Ruth Foxo e a colección xa estivo exposta en Queixumes dos Pinos.