As librarías regresan á rúa do Paseo

La Voz

VERÍN

cedida

O certame homenaxeará a figura e a obra do ourensán Carlos Casares

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A rúa do Paseo volverá a encherse de librarías ata o domingo. A cidade celebra unha nova edición da Feira do Libro de Ourense e faino cunha convocatoria na que se amplía o número de expositores participantes, pasando de dez a catorce, e no que se ofertará un amplo programa con máis de trinta actividades. A feira 2017, que se celebra dende hoxe e ata o domingo, foi presentada onte na CEO nun acto no que participaron o secretario de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o presidente dos libreiros ourensáns, José Manuel García Mosquera, e a concelleira de Cultura e Educación de Ourense, Belén Iglesias.

A feira deste ano, convocada baixo o lema «A ledicia de ler», homenaxeará ao escritor que protagoniza este as Letras Galegas 2017, Carlos Casares, e haberá varias actividades vencelladas coa súa figura e as súas obras. Na inauguración oficial do certame tamén estará presente, da man do seu irmán Xavier Casares, pregoeiro da edición deste ano. Anxo Lorenzo incidiu no feito de que o sector está a rexistrar un incremento de actividade e de maior demanda e que no caso da provincia de Ourense ata se ampliou a oferta coa fería celebrada hai uns meses en Verín. O secretario xeral de Cultura lembrou que pola feira do libro pasarán importantes autores para presentar as súas obras -de Claudio Rodríguez Fer a Celia Díaz ou Xurxo Alonso, entre outros- e salientou a decisión de instalar as casetas no Paseo para darlle unha maior promoción e fomentar a participación na festa da cultura e da lectura.

 

A Feira do Libro de Ourense estará no Paseo dende hoxe e ata o domingo, día 4, inclusive.

Horario de apertura

As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas. Hoxe só funciona en horario de tarde.

Maxia e Cocodrilo

«Vale por un truco» e o espectáculo de fantasía e maxia que ofrece David Méndez (ás 18.00 e 19.45 horas). Os máis cativos tamén poderán disfrutar da visita de Cancodrilo, que asinará exemplares das obras que protagoniza na caseta da secretaría da feira. A partir das 18.00 horas.

Pregón de Xavier Casares

Ás 20.00 horas comeza o acto de inauguración oficial. Intervirán José Manuel García, Rosendo Fernández, Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez Abad. A continuación lerá o pregón da feira Xavier Casares.

Descontos e sorteos

Haberá desconto do 10 % nos libros e sorteos diarios.