
O Abel ese da Biblia nunca me caeu ben
12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Abel ese da Biblia nunca me caeu ben, sempre o tiven por un lacazán, sen máis preocupación ca mirar que non se lle perdesen as ovellas, e para iso seguro que tiña algún can que lles botase un ladrido mentres el tocaba a frauta. Pola contra, Caín, pasaba o día rompendo o lombo, dándolle ó sacho verán e inverno, ventase ou chovese. Xa coñecedes o conto, ó primeiro éralle doado sacrificar algún carneiro de cando en vez para proveer ó seu deus de proteínas e ácidos graxos, mentres que o segundo, tras pelexar coa incerta climatoloxía, que non sempre lle permitía encher o hórreo, ofrecíalle a deus unha dieta vegana; e aí comezou a primeira discriminación por antipatía na historia da humanidade, o gandeiro cada día era máis favorecido e o labrego era máis pobre.
O que lle faltaba saber a Caín era que a divindade, en todas as relixións, é de ampulosos gustos carnívoros. Non hai máis que ver aquelas grandes hecatombes de cen bois ben cebados que os gregos lle dedicaban ás súas divindades, todo un dispendio que ó final tiñan que aproveitar os sacerdotes e devotos máis fieis para non desprezar tan abundante churrascada. E, como a historia nos vén demostrando, ó final, os representantes da divindade herdaron os gustos dos seus representados, non sei se por vontade ou por obriga, e o que aqueles non comían papábano estes.
Eses sacrificios de animais, verdadeiros sacrificios económicos para devotos e penitentes, elevaba ó ceo gorentosas volutas de fume que para os deuses era suficiente manxar, co que os seus intercesores fóronse acostumando a quedar coa grellada sobrante ata aborrecela. Así, a cousa foi evolucionando e acordaron que tamén se podía ofrecer o animal vivo (para un cocido ou para a cría en granxa), ou outros elementos dependendo da época do ano, tal trigo, millo ou bocois de viño, para que os mediadores fixesen con el o que mellor lles prestase.
Aínda non queda lonxe aquel tempo en que por Pascua, para dirimir o pecado orixinal, era costume que cada muller lle doase unha ducia de ovos ó párroco.
Agora, tras a Semana Santa, cando visitemos ós nosos santos benfeitores en romarías na Conlleira, en Tállara, Noia, Corrubedo, no Son ou en Louro, pode que nalgunha aínda se estile o das poxas ó remate da misa maior, onde outrora o momento estelar era cando se poxaba un bo galo de curral ou uns lacóns, para que o santo, aínda que non vaia comelo, nin el nin os seus intercesores, agradeza dalgún xeito esa achega para beneficio do santuario, a fin de mellorar a celebración da festa e o ornato do templo.
Agora xa quedan moi poucos lugares onde se fagan esas poxas e os devotos prefiren botar unhas moedas na boeta para que os intercesores non perdan os bos costumes, e o que antes se ofrecía en especie agora faise por boca interposta nalgún restaurante reservado. Aínda este ano, visitando co amigo Afonso o santo Antón de Ábedes, en Verín, a quen noutro tempo lle ofrecían os chourizos da matanza, no momento de xantar, no mesón onde nos atenderon tamén tiñan reservado un bo cocido para os cregos que viñan de oficiar na capela do santo. Ese día tamén nós comemos coma curas.