A Florenciada volve a Córgomo o día 17 de Maio con música e artesanía

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Haberá andaina, contada de historias veciñais, xantar popular, actuacións e obradoiros
06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado 17 • De 11.00 a 20.00 horas • Córgomo • O 17 de Maio do 2022, a pequena aldea de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) encheuse de vida coa celebración do Día das Letras, aquel ano dedicado Florencio Delgado Gurriarán. A festa deuse en chamar Florenciada e saíu tan ben que a fundación que leva o nome do poeta decidiu recuperala este ano.
Certo é que nunca deixou de haber actividade en Córgomo cada 17M da man da asociación de mulleres rurais, que organizaba unha feira de artesanía. E volverá haber mercado, entre outras moitas cousas.
«O mes de maio é moi importante para a xente e máis a fala, como dicía Manuel María. E tamén é un día moi importante para a fundación Florencio Delgado Gurriarán, que este ano decide recuperar a Florenciada tan fermosa e vibrante que vivimos no 2022», anunciou Sherezade Núñez, tenente de alcalde de Vilamartín. Estivo acompañada da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e de Elva Delgado, familiar de Florencio.
O programa comezará ás dez da mañá cunha andaina duns cinco quilómetros desde Arcos ata Córgomo. Participar é de balde, pero é precisa inscrición previa a través da web da fundación (https://florenciodelgadogurriaran.gal/). «Irán intervindo unha serie de veciños que nos irán explicando historias», dicía Núñez. A chegada á Aira dos Bolos está prevista para as doce da mañá, momento no que terá lugar a inauguración da feira de artesanía, que estará aberta desde as once. Á unha actuarán os Charangaiteiros e ás dúas comezará o xanta popular. Haberá postos nos que poder mercar polbo, empanada e churrasco. A partir das tres haberá música co grupo Pándega e xa desde as cinco, foliada con Abertal. «Participarán pandereteiros e gaiteiros e teremos un micro aberto para aqueles que se queiran animar a cantar ou recitar», engadía Núñez. Ademáis, haberá un obradoiro de baile da man de Manolo Cobo. Ás sete haberá cantarenas pola vila cos Parrandas.