Son gaiteiros con alma de charanga... ¿ou era ao revés?

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Ricardo Moral, Rubén Ramos, Alberto Díaz e Luisma García levan varios anos tocando xuntos e este verán teñen por diante una axenda ateigada de actuacións.
Ricardo Moral, Rubén Ramos, Alberto Díaz e Luisma García levan varios anos tocando xuntos e este verán teñen por diante una axenda ateigada de actuacións. LOLITA VÁZQUEZ

Catro amigos conforman Charangaiteiros, un grupo que monta a festa alí por onde vai

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que saían de festa, vían aparecer o sol. E cada vez que alguén se poñía a tocar, alí se xuntaban eles. Aquel gusto pola troula e a música acabou dando lugar á creación do grupo Amanecer. Fará diso uns nove anos, conta Ricardo Moral, sobre a orixe do que desde fai un par de veráns se transformou en Charangaiteiros. «A xente dicía que éramos unha charanga e Rubén que non, que éramos gaiteiros», di Moral en alusión a Rubén Ramos, que toca o bombo, o prato e a pandeireta. «Parece un home orquestra», di o seu compañeiro rindo. Amanecer ou Charangaiteiros, di Ricardo que o que en realidade son é un grupo de catro amigos que completan Alberto Díaz e Luisma García. A este último coñecérono, como non podía ser doutra maneira, nunha foliada. E a conexión xurdiu desde o primeiro intre. Así que os catro amigos comparten a paixón pola música e a festa desde vai algún tempo... aínda que o certo é que todos levan tocando por separado desde cativos.

No repertorio de Charangaiteiros hai moita música galega tradicional. Non faltan temas como Quen teña viño, O Galo ou as muiñeiras de Chantada e Lugo; pero tamén hai outras máis modernas do grupo de gaitas. «Cantamos, cantamos moito, pero igual menos que outros grupos», recoñece Moral, que é gaiteiro. Viven entre Valdeorras e o Bierzo, onde tamén traballan, aínda que teñen en A Pobra, en O Barco de Valdeorras, o seu centro de ensaio. Xúntanse unha vez á semana para tocar e pasalo ben. Iso como mínimo, porque agora que chega o bo tempo o certo é que a axenda empeza a estar ateigada de datas sinaladas. Este sábado están na Florenciada en Córgomo —a aldea natal de Florencio Delgado Gurriarán e tamén do propio Ricardo—, e despois veñen Molinaseca, a Noite Branca do comercio barquense, O Chao no Barco, Seadur, Burbia, Villavieja, a ruta pequena da Festa das Covas de Vilamartín, La Baña, Puente de Domingo Flórez, Salientes... ademais dun par de vodas e ata unha despedida de solteiro. «É un pouco unha loucura porque todos traballamos noutra cousa, temos parellas, algúns teñen fillos...», relata Ricardo, que explica que por ese motivo só aceptan actuacións as fins de semana, «e como moito o venres á noite». Xa non sempre que saen acaban vendo amencer, pero rematan tocando.