
Daniel Rivero recolleu o galardón en Vilar de Santos
16 jun 2025 . Actualizado a las 06:00 h.O poeta limiao Daniel Rivero Meno recolleu o sábado o premio literario Antón Tovar pola súa obra Voar, nun acto celebrado no patio do Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos. O certame, que acadaba a súa segunda edición, foi convocado polo Padroado do Museo da Limia.
O galardón consistiu nun bono de fin de semana en pensión completa para dúas persoas no Hotel Bienestar Termas de Monção, ademais da publicación da obra gañadora en Tempos Novos, revista dirixida polo tamén limiao Luis Álvarez Pousa.
A cerimonia foi presentada por Delfín Caseiro, presidente do Padroado e coordinador da antoloxía poética de Antón Tovar publicada por Xerais no 2023, quen puxo en valor o legado do poeta da Pereira na literatura galega contemporánea.
Durante o acto, deuse lectura pública á proposta oficial da Xunta Directiva do Padroado, que volve reclamar á Real Academia Galega a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta. Neste sentido, o Concello de Vilar de Santos manifestou o seu apoio firme á candidatura. O xurado destacou «a calidade estética, a emoción contida e o lirismo da obra premiada».