Unha canción para dicir que é Sanxenxo, non Sangenjo

M. D. OURENSE

XINZO DE LIMIA

Cedida

O músico limiao Antonio Luz acaba de presentar o videoclip da súa nova canción «Non me toques o Xe», coa que quere reivindicar o galego

21 jul 2021 . Actualizado a las 16:54 h.

O artista Antonio Luz ven de presentar o novo adianto do que será o seu primeiro disco composto integramente por temas escritos en galego, O paraíso das airas. A primeira canción da albume ten precisamente entre os seus obxectivos o de sacar peito coa lingua. Chámase Non me toques o Xe. Nela, entre bases de pop cheas de ritmo e aire fresco, este músico de Sarreaus (Ourense) reivindica con moita retranca a súa lingua. «Aproveitei o fonema xe que moitas persoas de fóra, e ás veces tamén de aquí, pronuncian mal. Porque non é Sangenjo nin Ginzo de Limia, é Sanxenxo e Xinzo. Temos unha lingua preciosa e rica e deberíamos empregala máis», explica Antonio. 

O músico, natural da aldea Nocelo da Pena, fai un xogo de palabras co xe na letra desta nova canción, na que presume de ser galego. E tamén da súa terra, protagonista indiscutible do videoclip, que se rodou en A Limia. «Sacando unha escea na costa, o demais foi gravado en Xinzo. Como limiao que son, faime moitísima ilusión, a verdade», admite. O resultado está convencendo ao público, pois ten máis de 100.000 visualizacións e máis de 120 comentarios en tan só uns días. «Cada vez que lanzas un tema novo, non tes nin idea de o que vai pasar con el. A acollida que lle están dando é incrible e estou moi contento», engade. 

No vídeo combínanse escenas nas que uns turistas chegan a Galicia e recorren Xinzo, imaxes protagonizadas polos lugares máis emblemáticos do municipio e coa participación especial dalgúns persoeiros. «O máis carismático, por entroideiro e boa xente, é o Lulo, un dos homes máis queridos de Xinzo», explica Antonio. Pero tamén ten unha parte na que unhas bailarinas fan unha coreografía moi animada. «Penso que o galego é un idioma moi sensual e quixen transmitilo así a través do baile», confesa o artista de Sarreaus, que con este tema quere demostrar ademais que a música moderna e comercial tamén pode ser en galego. 

O disco sairá a finais de ano e contará co apoio da Diputación de Ourense pero, antes, chegarán novos videoclips a modo de sorpresa.