Impacto e pavor

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

24 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON vexan vostedes o que se leva nos últimos tempos o asunto militar. Un exemplo: en Estados Unidos, os preservativos máis de moda utilizan unha expresión guerreira posta de moda nos últimos tempos polo Pentágono. Veñen chamándose os profilácticos algo así como Condóns Impacto e Pavor, Shock and Awe, coma os ataques aéreos sobre Bagdad. Outro: na famosa «conferencia de donantes» -debeuna bautizar o que quería darlle o Nobel da Paz ó Papa-, a ministra de Asuntos Exteriores, Ana Palacio, luciu uns impresionantes zapatos de pel de camuflaxe que -pena de tacóns- igual che serven para invadir un país revoltoso que para papar bombóns amendoados nas famosas recepcións do embaixador. O rollo militar mola, e hai xente que o toma ó pé da letra. A policía italiana vén de descubrir uns almacéns secretos no norte da península nos que un paisano, Angelo Borra, gardaba nada menos que mil motocicletas, cincocentos coches -entre eles varios Jaguar e algún Ferrari-, dous helicópteros, un tanque e, chachán, ¡dous avións de combate MIG! O pobre do home debeu cansar do automóbil tradicional, e, imbuído polo espírito da época que lle tocou vivir, deuse ó coleccionismo de material bélico. Sen embargo, a min non me vai demasiado o asunto. Tampouco é que ande recitando o «adiós ríos, adiós fontes» cada vez que teño ocasión, pero que queren que lles diga: traballar na rúa de Rosalía de Castro, como facemos nesta casa desde que cambiaron as placas, é moito máis reconfortante que facelo na do almirante franquista Salvador Moreno, por moito que un admirador seu insista desde Internet en que era «un marino justo y enérgico». A tomar viento, dispensando.