Cen operadores turísticos danse cita en Ferpalia

La Voz CH.L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

En dous minutos | Salón do Turismo de Galicia A feira abre as súas portas cunha expectativa de crecemento do volumen de negocio acadado na pasada edición que alcanzou os 41 millóns de euros

03 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A décimocuarta edición de Ferpalia, o Salón do Turismo de Galicia, abre hoxe as súas portas con cifras espectaculares na súa bolsa de contratación e a presenza dun centenar de tour operadores. A cidade converterase na capital turística de Galicia polo número de operadores turísticos que acoden a esta cita e o movemento económico que xeran. ?Onte, a oficina técnica de Ferpalia tiña xa solicitadas 2.850 entrevistas cos operadores turísticos que durante tres días estarán no Recinto Feiral da Xunqueira. Os organizadores confían en lograr un crecemento moi importante do volume de negocio que se xestione este ano na bolsa de contratación. O pasado ano producíronse ao redor de 3.000 entrevistas que se traduciron nun total de 41 millóns de euros. A inauguración oficial de Ferpalia será ás 12 horas e á cerimonia foron invitadas diversas autoridades que percorrerán os dous módulos da feira para coñecer os centros histórico artísticos que participan e departir cos operadores turísticos que traballan desde primeira hora da mañá. Aínda que se trata dunha feira profesional destinada esencialmente aos empresarios relacionados co sector turístico, o certame está aberto a todas as persoas que o desexen. A entrada ao Recinto Feiral é totalmente gratuíta e xunto cos postos dos centros históricos, os visitantes poderán ver a exposición de fotografía turística Memorial Rafa Vázquez e participar nas actividades que se desenvolverán durante os tres días que dura este Salón do Turismo de Galicia, que pechará as súas portas o vindeiro venres.