Mar de fondo formativo no barco escola «A Chasula»

Hugo Amoedo redac.pontevedra@lavoz.es

PONTEVEDRA

29 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Isidro mercou unha embarcación que se adicaba á pesca da sardiña. El restaurouno e deulle o nome de Chasula , que ven dun aparello de pesca do que, a pesar de levar moito tempo no mar, non tiña escoitado falar. Só quedan do orixinal as cadernas e as quillas, que son de carballo. Agora aluga o barco para grupos que queren saír de pesca e algunha que outra despedida de solteiro, por medio da súa páxina web, chasulapesca.blogspot.com. Pero tamén traballan en cursos de campamentos nas Illas Cíes ou noutras actividades de estilo formativo.

Froito dun acordo co museo Massó, relacionado co mundo do mar e a súa industria, A Chasula transporta a dez novatos tripulantes que queren coñecer o ambiente dos mariñeiros. Mentres coa súa pipa na man Isidro mantén o rumbo, o contramestre Trepa vai realizando explicacións dos paraqués dos aparellos do barco, o sentido de babor e estribor, que ningún faro ten a mesma cadencia, así como o estudo dun mapa da ría, «que cos radares xa non se usa, pero é bo coñecelo». A volta chegou ata Cabo Udra. «O obxectivo é que os que participen nestas visitas coñezan as artes da pesca e a forma de vida a bordo dun barco coma este», di Isidro, coa mirada no horizonte. A xente xove xa non quere ir faenar. Neste mesmo barco, 18 mariñeiros faenaban en Malpica hai uns anos. «Agora ese mesmo traballo fano catro ou cinco persoas, e todas de fora, porque os rapaces de aquí non queren vivir cos poucos cartos que da o mar», explica o contramestre, que bota en falta un sistema semellante ao do País Vasco, onde os mariñeiros teñen un soldo base, haxa ou non haxa faena. «Por iso nos dedicamos a isto -di-, isto é máis seguro, da máis cartos e supón menos traballo».

A Chasula

fixo parada nunha batea, onde o Trepa realizou a correspondente explicación do traballo do mexillón e a súa problemática, dende a marea vermella ata o seu retroceso como sector ao estar o prezo do quilo «polo solo». Tamén falou da oportunidade que supoñían as bateas e as súas casetas para os contrabandistas de tabaco. O coñecemento da súa localización servía para driblar aos policías e poder escapar deles. Falando de xente do mar ao marxe da lei, fixo fincapé na historia do gran pirata galego, Benito Soto, da Moreira, e as súas aventuras ao mando do Morning Star, despois se chamara Burla Negra, ata acabar morto en Gibraltar. Saír ao mar como perspectiva. Isidro leva toda a vida no mar. Estivo traballando como pescador, pero tamén constrúe barcos. De feito, el e máis Paco, Paxaro , do Clube Marítimo a Reiboa, construíron a Lercha , unha dorna que navega a Ría de Pontevedra. Pero para Isidro, o saír ao mar supón máis que un modo de gañarse a vida. «É unha forma de cambiar de perspectiva, de ver a costa dende o mar con todos os seus problemas. Os políticos deberían facelo tamén».