Especialista na reconstrucción de perfís históricos costeiros, considera que o estudo do pasado pode ser clave para o futuro
17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Como xeógrafa física participou nas escavacións realizadas na Lanzada este verán, onde está a principal duna pontevedresa.
-¿Que diferenza unha duna dun simple montón de area nunha praia?
-As dunas para un visitante moitas veces parecen só montículos con crestas e bagoadas, pero son un sistema complexo e segundo o seu tipo de vexetación pode verse o grao de evolución da mesma. A formación dun sistema dunar empeza cando comeza a acumulación da area.
-¿A que se debe a creación dun destes sistemas?
-Hai varios factores. Temos un material que acumular, que é a area. Tamén o vento que a empuxa. Unha duna ten unha dinámica complexa e é un medio moi sensible. Calquera clase de impacto pode deixar de formalas. E hainas de varias clases. Corrubedo é unha única duna, pero na Lanzada hai máis, varios cordóns dunares que migran cara o interior. E tamén temos que ter en conta o longo período de tempo para que se forme e sorprende o pouco que se necesita para destruílas.
-¿Canto tarda entonces en estabilizarse unha duna?
-Ao mellor centos de anos en condicións adecuadas en zonas sen ningún tipo de alteración ou acción antrópica. Hai que ter en conta tamén que a evolución no litoral pode ser natural é pode haber sistemas dunares ou praias que se formen ou cambien ou fosilicen por razóns que non teñen que ver coa actividade humana. Na Lanzada hai probas da acumulación eólica hai máis de dous mil anos e hainas tamén hoxe, pero hai zonas en que hoxe non hai dunas pero puido habelas no pasado.
-¿Onde por exemplo?
-Cerca da punta da Lanzada hai un sistema de dunas antigo. Hai exemplo de material eólico antigo. Isto significa que coñecer o que pasou no pasado pode servir para predicir o que pasou no futuro. A dinámica do litoral en Galicia é moi peculiar pola nosa xeografía.
-¿Que aporta unha duna á biodiversidade?
-É un ecosistema riquísimo. Normalmente onde hai un sistema dunar ven asociado tamén a unha praia e a zonas húmidas de lagoa. A nivel botánico trátase de algo interesantísimo polas plantas que crecen nela. Tamén ao ter preto zonas húmidas como na Lanzada hai moitas especies de aves que se alimentan cerca. As dunas son moito máis que unha acumulación de area ou un referente de beleza a nivel paisaxístico. A xente pode que so vea nelas se son máis ou menos bonitas ou se fan pesado atravesalas para ir ata a praia, pero son moito máis. Teñen unha riqueza animal e vexetal fantástica que hai que preservar.