Hai 20 anos o brazo armado do independentismo galego acompañou o seu atentado na discoteca Clangor de cinco bombas contra negocios conectados aos capos arousáns
07 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A madrugada do 11 de outubro de 1990 tinguiuse de negro e de vermello en Santiago coa acción máis sanguinolenta de cantas protagonizou o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) nos seus cinco anos de exercicio terrorista. María de las Mercedes Domínguez, unha moza viguesa de 26 anos que pasaba uns días de vacacións na capital galega, e dous integrantes da banda armada perecían no brutal atentado contra a discoteca Clangor, no que se rexistraron ademais 46 feridos. Un acto que mereceu ese mesmo día a resposta duns 10.000 estudantes, que marcharon polo centro da capital compostelá en sinal de repulsa contra o atentado.
Sen aparentemente pretendelo os seus autores -dous días despois da explosión un voceiro do EGPGC manifestaba telefónicamente a La Voz de Galicia que a intención era atentar contra o Clangor cando o local quedara baleiro- os sucesos no establecemento santiagués encabezaron a cadea de atentados que esa madrugada puxo en marcha o Exército Guerrilheiro coa comarca de Arousa coma foco principal. No punto de mira dos terroristas, negocios propiedade de coñecidos narcotrafi cantes que xa comezaban a ter asuntos pendentes coa Xustiza, e oficinas bancarias sospeitosas de colaborar con eles. Vilanova, Cambados e, sobre todo, Vilagarcía, concentraron a actividade da banda armada, que semellaba pretender a súa propia Operación Nécora. Todo un referente do momento por supoñer un dos primeiros pasos firmes contra o tráfico de drogas en Galicia cunha macro redada dirixida o 12 de xuño de 1990 polo aínda non tan coñecido xuíz Baltasar Garzón.
Ás 4.45 horas da madrugada do 11 de outubro de 1990 a Policía Local de Vilagarcía recibía a chamada dunha voz masculina que se identificaba coma integrante do Exército Guerrilheiro, informando en castelán da explosión en 20 minutos de catro bombas en dúas sucursais bancarias e nunha boutique da localidade, e na conserveira Charpo de Vilanova.
Só dez minutos despois estouraba na porta da céntrica oficina do Banco Bilbao Vizcaya un artefacto que destrozou o local da Praza de Galicia. Dous dos seus empregados foran implicados en operacións de blanqueo de diñeiro das empresas do por entón aínda presunto narcotraficante Laureano Oubiña, detido precisamente na recente Operación Nécora.A segunda explosión rexistrada esa madrugada tivo Vilagarcía como escenario, e a sombra de Oubiña planeando sobre o obxectivo en cuestión. A boutique-zapatería Charola, a nome da muller e da filla do capo arousán, Esther Lago e Eshter Oubiña, rebentou por completo na acción terrorista que máis danos materiais e reacción de pánico provocou en Arousa o 11 de outubro de 1990. Non en van, o establecemento estaba situado nun céntrico punto comercial e residencial, as Galerías Gallego.
Peregrinaxe veciñal
A onda expansiva destrozou a maioría das cristaleiras dos negocios contiguos, derrubou o falso teito da galería e causou importantes danos na entrada da oficina de Hacienda a carón da cal situara o clan dos Oubiña un dos seus negocios aparentemente legais.
Pouco tardaron as galerías en converterse nun foco de curiosos, algúns deles en pixama procedentes das vivendas que coroan o espacomercial da capital arousá. Moitos deles uníronse a varios dos grupos de vilagarciáns que, espertados polas bombas, dedicaron o resto da madrugada a percorrer os diferentes escenarios dos atentados. De aí xurdíu o público que acompañou a distancia aos especialistas das forzas e corpos de seguridade do estado que ás sete da mañá desactivaron un terceiro explosivo fronte a sucursal do Banco de Galicia, a escasos 100 metros da do BBV. O artefacto estaba composto por gelamonita e dotado dun mecanismo eléctrico, marca do EGPGC. Un antigo director da oficina fora relacionado co contrabando de tabaco nun importante sumario xudicial.
Onde si funcionou o mecanismo do Exército Guerrilheiro foi nunha antiga cetárea da conserveira Charpo, a carón do porto de Vilanova. A firma era propiedade de Manuel Charlín Gama, patriarca do clan dos Charlíns, e dos seus fillos Manuel e Melchor. O pai e o fillo do seu nome foran detidos na Operación Nécora, e Melchor permanecía fuxido da Xustiza. Había un mes do estalido do conflito entre a familia e as traballadoras da fábrica.
O último obxectivo terrorista foi a cafetería Capri de Cambados, que figuraba a nome da esposa de Narciso Fernández Hermida, O Parido, histórico do contrabando de tabaco e implicado por Garzón na Operación Nécora. A explosión deixou en ruínas os dous pisos do local hostaleiro. No seu comunicado telefónico a La Voz 48 horas despois dos atentados, o Exército Guerrilheiro convertía en «obxectivos militares» todos os negocios «produto do enriquecimento co tráfico de droga». Desde logo, o EGPGC non foi a solución ao problema do narcotráfi co en Galicia. Diso se encargou a Xustiza, encabezada pola figura dun Garzón ben encirrado polas asociacións locais contra a droga. Claro que para o comezo do fi n aínda habería que agardar a que a operación Nécora dera os seus froitos.