«Ás veces na vida empeñámonos en poñernos de acordo»

La Voz

PONTEVEDRA

. CEDIDA< / span>

A obra, escrita por Diego Ameixeiras e baseada en textos de Camilo Franco, chega hoxe, ás 21 horas, ao Pazo

17 nov 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Federico Pérez (Alemaña, 1976), coñecido polo seu papel en Padre Casares e Era visto, disfrázase esta noite dun informático emigrado a Londres que queda atrapado nun vagón de metro xunto a outros catro compatriotas.

-É unha mestura altamente perigosa a da ironía británica e a retranca galega. ¿Que sae daí?

-Non sei cal se inventou antes, pero son bastante afíns, e diría, con medo ou sen el a equivocarme (gústame bastante equivocarme), que son bastante parecidas. Beben das mesmas fontes, hai moito pouso detrás. Semella un humor seco, serio, non fai falla a gargallada para transmitir algo que che deixe un pouco fóra de sitio.

-¿Cantas posibilidades reais hai de que, se se detén un metro en Londres, haxa cinco galegos no seu interior?

-Pois ao mellor unha entre un millón, pero esta unha foi a nosa polo menos. E hai que facela o máis verídica posible, como se fose o máis normal. Somos catro galegos e cadramos nós como puido cadrar outra xente.

-¿É difícil poñer de acordo a cinco galegos? ¿Canto tempo fai falla?

-Buf, xa é difícil poñer de acordo a dous... Mesmo para un mesmo consigo mesmo é difícil dar certa coherencia. Falo dos galegos que coñezo eu; hai moitos, pero dos que coñezo eu, con catro ou cinco xa custa un pouco máis. Ás veces na vida empeñámonos en poñernos de acordo, e creo que é máis doado primeiro escoitar e despois respectar o que cada un ten que propoñer. Iso non sei se é poñer de acordo ou non, pero polo menos dicir: «Ista é a túa forma de ver as cousas, e esta é a miña. Non temos por que levarnos mal».

-¿Hai algunha situación de emerxencia que cinco galegos non poidan solucionar por si mesmos, sen necesidade de axuda do Exército, ou bástanse sós?

-(Ri)... Si, hai moitas situacións. Por dicir algunha, o autogoberno e a autodeterminación; xa non nos metemos na independencia. Pero a autoxestión dos galegos, como nós mesmos e como forma de goberno, estanos custando bastante. Se superáramos a barreira dos cinco igual poderíamos chegar a algo, pero é algo que se nos está resistindo.

-¿Cal é o seu papel na obra? Son cinco perfís moi diferentes, ¿non si?

-A personaxe que eu interpreto chámase Rafa, é un rapaz que estudou informática e que leva seis anos en Londres, intentando meter un pouquiño a cabeza facéndose un oco na vida londinense laboral. E despois de varios erros, tentativas, varias veces de lanzar a cana para ver o que pescaba, traballos así máis ben cativos, agora parece que atopou a posibilidade de asentarse nun traballo que si que é o seu, o que estudou polo menos. Así que está nun momento expectante, e despois do metro a ver como sae daí. Despois, máis xa non podo avanzar.