![](https://img.lavdg.com/sc/zvCP1yAbbVcqau7amEGUwEpozLs=/480x/2020/11/25/00121606330081781908384/Foto/PN26C4F3_194620.jpg)
A Xunta programa media ducia de concertos e espectáculos en directo
26 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Con más de setenta propostas programadas, a Culturgal converterá esta fin de semana a Pontevedra na capital cultural galega. Unha edición na que, ao igual que en anos anteriores, a Xunta de Galicia é a principal institución patrocinadora achegando 65.000 euros, ademais de media ducia de actuacións e concertos procedentes do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Nun contexto sociosanitario complexo derivado da pandemia, a Culturgal segue a ser a referencia para toda a industria cultural galega, mentres que moitos dos proxectos culturais que se exhibirán saíron adiante grazas ao Plan de reactivación do sector cultural impulsado polo Goberno galego para facerlle fronte aos efectos do covid-19.
A participación da Xunta na Culturgal, por medio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), non se limita ao financiamento, senón que promove moitas das súas actividades, así como presenta seis espectáculos en directo: os concertos de Susana Seivane (sábado, 18.30 horas), Luar na Lubre (sábado, 20.30 horas) e Os d’Abaixo (domingo, 20 horas), así como as montaxes escénicas Sofía unipersonal, de Inversa Teatro (sábado, 21 horas); Karelu, de Os Náufragos Teatro (domingo, 13 horas); e Ópera Break’s, de Vella Escola (domingo, 19.15 horas).
A Culturgal empezará o venres coa proxección de Ons, de Alfonso Zarauza e producido pola produtora galega Maruxiña Film Company. Trátase dunha película que foi realizada cunha subvención da Xunta, igual que outros dos títulos que conforman o apartado audiovisual, caso de Arima, A illa das mentiras, Longa noite e A media voz. De igual xeito, a Consellería de Cultura promove a exhibición o domingo da restaurada versión polícroma do documental Pontevedra, cuna de Colón, obra rodada por Enrique Barreiro en 1927, pioneira na experimentación para dotar de cor a imaxe cinematográfica.
A feira das industrias culturais galegas será tamén o escenario para a presentación de diferentes propostas da Xunta no ámbito da cultura dixital, da promoción da economía social e da dinamización lingüística co programa Galego e +, así como da actividades da Cidade da Cultura co festival Escenas do Cambio e as exposicións Galicia de Nós a nós e As miradas de Isaac, ou as producións que prepara o Centro Dramático Galego, entre outras.