Xosé Antonio Touriñán: «'Somos criminais 3' vai máis directamente ao entretemento, ao show»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

Interpreta xunto a Carlos Blanco en Pontevedra o espectáculo «Somos criminais 3»

22 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) ten claro que volver coincidir nos escenarios con Carlos Blanco é «un gusto. É traballar co mellor cómico e o mellor equipo en comedía que creo que hai neste país. É un mestre, unha honra, un pracer... Son todo cosas boas e inda por riba, cando acabamos, tamén é un tipo que é unha marabilla estar na súa compañía porque sabe comer ben, sabe beber ben e, por enriba, ten tantas historias e tantas cousas que contar que só me aporta para ben. Só podo aprender del». Deste xeito, Somos criminais 3, que hoxe e mañá representase no Pazo da Cultura da cidade de Pontevedra, será a terceira vez que ambos cómicos coinciden nun espectáculo despois de Somos criminais e Unha noite na praia.

—Que destacaría de «Somos criminais 3»?

—Eu destacaría que vai moito máis directamente ao entretemento, ao show, que a primeira. Creo que ten moita máis cor. Tal vez, Somos criminais era máis escura. Non sei se, incluso, o ritmo do espectáculo era como máis pausado, pero aquí non hai descanso.

—Que foi o que máis botou en falla durante estes tempos de pandemia?

—A tranquilidade, o poder desfrutar, o non ter medo. O peor é o medo, o peor é estar preocupado, o non poder relaxarte ao cen por cen. Estar sempre pendente... E nós intentamos que, polo menos, durante unha hora en media, unha hora e cuarto, que dura o espectáculo a xente que estea no teatro se olvide diso. A verdade é que temos os teatros cheos e entendo que haxa xente á que, ao principio, lle cause impresión, pero a verdade é que é seguro. Todos están sentados coa mascarilla posta... Por unha hora e pico olvídase de todo o que está pasando fora, que creo que é o mellor que podemos facer.

—Como se compaxina unha xira como a de «Somos criminais 3» coas rodaxes, os ensaios ou, incluso, a televisión?

—Temos tempadas que son un agobio e noutras, como esta de agora, xiro na casa. Pola semana estou, máis ou menos, na casa. Non é como antes que tiña que estar en Madrid, que empezarei agora unha rodaxe alí, en marzo, de luns a venres e a fin de semana víñame a Galicia. Gústanos tanto o que facemos que compaxinas quitándolle horas ao sono e quitándolle horas aos que máis queres, ao que máis gañas lle tes, á familia, aos máis próximos, quen é, ao final, quen o paga.

—Que outros proxectos poderemos ver de Xosé Antonio Touriñán nos vindeiros meses?

—Teño aínda algún monólogo que queda por aí pendente. Estarei en Lugo o 2 de febreiro con Aquí tou para recadar diñeiro para a asociación Somos Unidos por el Cáncer por unha investigación que queren facer dende a Universidade de Lugo para loitar contra o cancro. A finais de marzo marcho a rodar a nova tempada de Rutas bizarras, de Televisión Española con Marta Hazas, e estamos de novo con Fariña. Tocarame unha desas épocas de estar por España adiante de luns a venres e a fin de semana vir a casa con Fariña. A retomamos en Galicia porque, no seu momento, non puideramos facer unha segunda volta. Encomezamos a principios de marzo. Vai coincidir todo isto.