Unha homenaxe por toda a xeografía de Pontevedra á autora de «Cantares gallegos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE CALDAS DE REIS

Boa parte dos concellos da comarca capitalina conmemoran hoxe o Día de Rosalía

23 feb 2023 . Actualizado a las 11:06 h.

O Día de Rosalía, no que se conmemorara o 186 aniversario do nacemento da autora de Follas novas ou Cantares gallegos, conmemorase este 23 de febreiro en boa parte da comarca cunha serie de actos, aínda que Bueu foi o concello máis madrugador ao celebrar onte esta efeméride.

Así, Pontevedra programou para esta tarde unha «xornada que camiñará entre a música, a divulgación científica e a cultura poética». E todo isto a través de dous actos, o primeiro dos cales desenvolverase ás 17.30 horas no Parque de Amalia Álvarez co obradoiro musicado Figueiriñas que prantei, realizado por Antón Ke e Polo Correo do Vento.

Posteriormente, a partires das 20 horas e na avenida de Raíña Vitoria, terá lugar un recital poético da man de Estíbaliz Espinosa, que se mesturará coa busca da estrela Rosalía no Ceo coa asociación astronómica Sirio de Pontevedra e os seus telescopios. No caso de choiva, as actividades trasládanse ao Pazo da Cultura.

Sen saír de Pontevedra, pola súa banda, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra conmemora esta data na Casa das Campás (20.30 horas) cun acto multidisciplinar centrado na zarzuela galega. Deste xeito, o musicólogo Javier Jurado disertará sobre Zarzuela galega vs zarzuela de costumes galegos, así como se desenvolverá a actuación da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo interpretando varias pezas deste xénero, xunto coa propia Alborada de Rosalía.

En Poio, baixo o lema de Rosalía saca a lingua, desenvolverase unha programación que arrancarás ás 12 horas diante da casa consistorial cunha lectura pública de poemas e onde Raquel Rodríguez, concelleira de Dinamización Lingüística, lerá o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Pola tarde, a partires das 17.30 horas, a Biblioteca de Campelo acollerá o contacontos Da miña terra e, xa o venres, está prevista unha segunda sesión de contacontos, con A mellor sopa do mundo.

Marín, pola súa banda, programou unha sinxela, pero emotiva ofrenda floral no monólito adicado a escritora na Alameda (13 horas) coa actuación de Os de Marín, mentres Moraña repartirá agasallos entre os que se acheguen á Biblioteca Pública para coñecer a obra de Rosalía de Castro. Caldas, que este mércores os concelleiros Inés Fuentes, Manuel González e María López participaron na prantación dunhas hortensias ananas no monumento á escritora do paseo da Tafona, hoxe converterase en mecenas da Fundación Rosalía de Castro.

Prantación dunha filla da figueira da Casa da Matanza en Pontevedra

Coa colaboración da Casa de Rosalía e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Deputación impulsa esta tarde —mañá trasladarase a Vigo— a súa homenaxe a quen Carmela Silva definiu como «o buque insignia da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas letras» e «a referente do noso pobo». No transcurso deste acto, e como novidade, presentarase «unha serie limitada de azulexos artesáns obra de Lucía Ares, da firma silledense Coas Mans Artesanía», que levan impresas a silueta e uns versos de Rosalía.

De igual xeito, plantarase nos xardíns anexos ao Pazo Provincial unha figueira filla da árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía que vive na Casa da Matanza en Padrón, mentres que Carme Adán lerá o manifesto da AELG. Estes actos, conducidos pola actriz Mónica Camaño, contarán tamén cun recitado poético con música en directo e ilustracións feitas en area coa técnica coñecida como sand painting ou sand drawing.