David Pintor: «A lebre tiña que ter unha segunda carreira na que non se quedase durmida»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MARCOS MÍGUEZ

A editorial Kalandraka publica o novo traballo de David Pintor, «Tartaruga vs. Lebre. O desquite»

10 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O ilustrador e guionista David Pintor revisita en Tartaruga vs. Lebre. O desquite, editado pola pontevedresa Kalandraka, a popular fábula de Esopo baixo a premisa «de darlle unha volta dende o punto de vista do humor e darlle, tamén, a oportunidade que lebre que poida ter un desquite».

—Como escolleu esta fábula en concreto?

—Foi un pouco por casualidade. Léndolle contos a miña familia linlle varias fábulas protagonizadas por animais, amais de que sempre me gustou. Supoño que debe haber un compoñente de cariño persoal porque de pequeno quedoume como unha das que me parecían máis divertidas. E léndoa ocorréuseme a posibilidade de contestar á pregunta de que pasaría se esta vez a lebre non quedaba durmida. Parecíame que habería que darlle unha oportunidade. Tiña a impresión de que a lebre tiña que ter unha segunda carreira na que non se quedase durmida e ver que pasaba, ver se era casualidade, ou se a lebre era moi torpe e a tartaruga moi intelixente.

—Neste caso, volve a ilustrar un texto propio.

—Si, dende hai uns anos estou empezando a facer os meus propios libros. Levo moitos anos ilustrando, pero apetecíame facer os meus propios textos. Seguir facendo ilustracións para outros autores, pero tamén facer outros traballos cos meus textos. En todos eles, o principal elemento soe ser o humor, algo lóxico porque levo anos facendo humor gráfico nos xornais. É unha linguaxe no que me sinto cómodo.

—E que é máis complicado, traballar con textos propios ou cos dun guionista?

—Por unha parte, é máis complicado porque é unha faceta na que eu non fixen tantos traballos como na ilustración. É unha faceta nova, entre comillas. Pero, por outra, é moi satisfactorio porque desenrolas todo o proxecto do libro na túa cabeza. Cando pensas o texto queres facer, tamén pensas dunha maneira diferente, pensas á par que as ilustracións poidan ir con ese texto. Inconscientemente, proxectas que poida ser ilustrable, que poida dar a lugar a ilustracións, máis o menos, efectivos. É unha maneira global de pensar o libro. Da outra maneira, hai un escritor que realiza o texto e, unha vez está terminado, o ilustrador ten que facer unha labor de traducir iso a imaxes. Creo que podes facer un equilibrio máis atractivo. O feito de que ti decidas en todo momento o que está a pasar e como vas a expresalo coas ilustracións e o texto, gústame. Gústame ter esa capacidade de decisión.

—Una vez completado e rematado «Tartaruga vs. Lebre. O desquite», ten xa na cabeza o seguinte?

—O seguinte, si. O nacemento da miña filla foi realmente o punto de inflexión a partir do que empecei a plantexarme o de escribir os meus propios libros. A miña filla ten agora 6 anos e cando comecei a contarlle contos para durmir foi cando empezou a xurdir en min esa posibilidade de escribir os meus contos. A raíz diso, á vez que vou facendo bocetos e ilustracións, si que a cabeza se me vai a pensar ideas para futuros libros. Teño unha libreta onde vou apuntando ideas e desenrolando proxectos a nivel de escritura. Teño varios proxectos que espero que poidan ser publicados, pero pouco a pouco. Non teño moito tempo. Teño moitos proxectos para os próximos meses e é algo que me gusta levar en paralelo, pero si seguramente o ano que ven publique algún álbum ilustrado máis.