De Bóveda a Boedo, unha homenaxe aos músicos silenciados pola ditadura

PONTEVEDRA

TVG

Unha festa reivindica na Alameda da Boa Vila aos intérpretes represaliados polo franquismo

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partires das 11.45 horas, a cultura e a memoria histórica tomarán a Alameda de Pontevedra coa presentación dunha nova publicación da Deputación Provincial, A música represaliada. Unha foliada de memoria. Editado polo departamento provincial de Memoria Histórica, busca «homenaxear á xente gaiteira, bailadora e música en xeral silenciada a golpe de morte, cárcere e vexacións durante a ditadura», destacaron ao respecto.

E como non hai mellor vacina contra a barbarie que a ledicia, a felicidade, a Deputación organizará toda unha festa-recoñecemento na que participarán investigadores e intérpretes. Mentres os primeiros «lembrarán e analizarán diferentes historias, ideas e loitas coartadas», os segundos «interpretarán cancións sinaladas para a memoria histórica galega, coma O vello e o sapo, que Pucho Boedo, a voz dos Tamara, cantou na súa última actuación na TVG lembrando ao seu pai asasinado».

En canto ao libro A música represaliada. Unha foliada de memoria, este arranca cun limiar da deputada María Ortega e conten vinte e tres artigos, así como remata cun epílogo da técnica Montse Fajardo titulado Escala de memoria, «escritos baixo a batuta impagable» de José Luis do Pico Orjais. Ademais, complementase cunha banda sonora que acompaña aos textos con «cancións das que se perderon partituras, que se crearon nos cárceres e no exilio, ou das que tiñan letras reivindicativas, das que amosaban resistencia, entre outras». Todas elas, accesibles mediante códigos QR.

Neste punto, María Ortega precisou que o punto de partida que eclosionou nesta obra de investigación sobre a música represaliada durante o franquismo xurdiu no transcurso das segundas Xornadas contra a impunidade. Foi entón cando Xurxo Souto puxo o vídeo da última actuación de Pucho Boedo na TVG, «onde a voz dos Tamara quebrada pola emoción e os anos cantou, puño en alto, ao pai asasinado polo fascismo», destacaron dende o organismo provincial.

As orixes do libro

Aquela charla repetiuse por toda a provincia, en centros culturais e institutos, mais quedou o prurito, a espiña cravada, de lembrar a todas as figuras da música. Logo viría unha festa organizada en Moneixas (Lalín) para render homenaxe a Xesús Froiz, a Constante Moreda, a Cándida e Pastora Cordal, a José Gómez Avelaira, a Manuel del Río Mandayo ou a Pilar Naviera, na que se contou «quen eran e cales foran as súas ideas e as súas loitas, esas que silenciara o franquismo a golpe de asasinato, cárcere e vexación a través dunha sinxela revista», precisaron.

Estaba claro que nesta publicación faltaban moitas historias, pero foi o pilar para hoxe poder publicar A música represaliada. Unha foliada de memoria. Aquelas historias que quedaran fora da revista por falta de espazo son as que agora recolle o libro que se presenta na Alameda, relatos que van máis alá da provincia para intentar dar unha visión de país. «Non coñecemos un traballo similar e por iso quixemos, desta volta, ir máis alá da provincia para intentar dar unha visión de país, coa esperanza de que as partituras inconclusas, os fíos dos que seguir tirando que atoparedes na súa lectura, sirvan de caxato co que percorrer futuros camiños de memoria», subliñou María Ortega.

A festa-homenaxe, para a que é preciso inscribirse en memoriahistorica@depo.gal, arrancará cun pasarrúas na Alameda de Pontevedra que estará coordinado e presentado por José Luís Do Pico. Está prevista a participación dos Dezas de Moneixas; Alejo Amoedo, que interpretará ao piano Mondoñedo; e Isabel Samartim, que fará o propio á guitarra con Alborada de Chané, ademais de que, de xeito coral, cantaranse No bico unha estrela e Venceremos nós.

«O vello e o sapo»

Pola súa banda, Dopico e Xurxo Souto tocarán, a modo de broche final, O vello e o sapo, aínda que a xornada pecharase cun petisco e unha alborada gaiteira amenizada por Xistra de Coruxo.

No que respecta aos artigos de A música represaliada. Unha foliada de memoria, son Asasinato de Raimundo Rodríguez Neira, de Xosé Álvarez; Carlos López García-Picos: a ruta do exilio Betanzos-Bos Aires, de Javier Ares Espiño; Para unha alborada. A represión da música nesta banda da ría de Vigo, de Luís Bará; A canción galega en boca de mulleres galegas: dende os seus inicios no franquismo, ata a transición democrática, de Rosalía Castro Pérez; A actividade musical de Sofía Novoa nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial, de Samuel Diz; ‘Peza separada’ Luis R. Brage Villar: música na Prisión Provincial de Ourense, de David Ferreiro Carballo; Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay: dous republicanos exiliados e o seu malogrado cancioneiro musical galego, de Xavier Groba González; ou Xesús Froiz, promotor dos Dezas de Moneixas, de Manuel Igrexas.

Continúan con Urbano R. Moledo e a zarzuela galega, de Javier Jurado Luque; Jesús Dopico e Manuel Quiroga: a cara e a cruz do violín galego, de Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno; María Valverde: dos grandes teatros europeos ao exilio uruguaio, de Aurora Marco; Morte, silêncios e exílio interior em Cántigas da Terra. Apontamentos sobre a repressão franquista em torno do coro, de Moncho do Orçam; Alexandre Bóveda e a Sociedad Coral Polifónica da Ponte Vedra. História dum silêncio, de José Luís do Pico Orjais e Ramom Pinheiro Almuinha; Jacinta Landa Vaz: a jardineira leal, de José Luís do Pico Orjais; José Gómez Avelaira e os Gaiteiros de Xinzo da Costa, de Alberte Pérez; Higino Cambeses Carrera. Ler nas entrelinhas, de José Luís do Pico Orjais; Freire Penelas ou o elo silenciado da tradición: e o pavor, fillo da preguiza e da represión, de Xulio Pardo de Neyra; Amador Rodríguez Solla, zapateiro e gaiteiro. O famoso ‘Tarzán’ da fuga do penal de San Cristóbal’, de Xosé Ramón Paz Antón; Manuel del Río Mandayo, un exemplo da barbarie fascista en Ordes’, de Manuel Pazos Gómez; Maria Otero e Evangelino Taboada. Uma história para a lembrança’, de Isabel Rei Samartim.

A última quenda compóñena O Señor Constante era unha persoa respectada, un home de ben’, de Xerardo Fernández Santomé, Xavier Moreda García e Giovanna Moreda García; Os silencios de Pucho Boedo, de Xurxo Souto; e O exilio da violinista, de Carme Vidal.