
O certame, convocado por nove concellos e as tres universidades galegas, repartirá 7.500 euros en premios
21 sep 2023 . Actualizado a las 19:12 h.Os servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña convocan unha nova edición dos premios Youtubeiras, que teñen como obxectivo fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
«Volve Youtubeiras un ano máis e volven os seus premios nunha sétima edición que continúa a afondar na súa consolidación», adiantou Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, este xoves, na presentación do certame, na que estivo acompañado por Blas García, alcalde de Ames; Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois, e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.
O concelleiro pontevedrés sinalou que «este é, polos seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua».
Consolidación
O premios, que este ano convócanse baixo o lema Rede aberta, Rede diversa!, repartirán 7.500 euros entre os gañadores das oito categorías.
«Estes galardóns van mudando e adaptándose á realidade cambiante tanto da Rede como da sociedade, coas portas sempre abertas e con espírito diverso. Estes son uns premios vivos como viva é a lingua e viva é a Rede», sinalou Blas García, que tamén destacou a consolidación dos galardóns como referente, tanto «para a comunidade creadora como para a nosa lingua».
As categorías do concurso son Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022.
O prazo para presentarse está xa aberto e manterase aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal.