Unha poeta holandesa que fala galego e arrinca eucaliptos: «Vin o que lle pasou ao holandés de ´As Bestas´, vin. E algo asusteime»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Noa Noor, na zona monumental de Pontevedra.
Noa Noor, na zona monumental de Pontevedra. CAPOTILLO

Noa veu de Holanda a Portugal en bicicleta e quedou en Galicia para facer un doutorado sobre o noso monte. Vive co seu cabalo nunha aldea de Pontevedra e non quere marchar nunca de aquí 

27 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Noa Noor, de 28 anos, é unha holandesa de La Haya. Pero é máis galega ca un toxo. Fala un bonitiño galego coas ferramentas que ten, coas palabras que foi aprendendo nos case tres anos que leva nesta terra; sente Galicia moi dentro, de feito, cre que é o seu sitio no mundo, e é unha namorada do rural, das aldeas e... das comunidades de montes. Si, si... do monte comunal. Noa tamén é poeta; poeta de bares e copa na man, de vivir a poesía con ledicia e sacando o que un ten dentro. Vive nunha aldea da parroquia de Mourente (Pontevedra) e aínda que non lle gusta nada contar a súa vida como se fora unha película, porque cre que o que fai é o máis normal do mundo, entende que xere curiosidade que un día saíra de Holanda nunha bicicleta e acabara pedaleando ata Portugal. «Non me vai o de dicir eu fixen, eu fixen... son moi normal», proclama ela.

Todo empeza en Holanda, na súa terra. Noa estudou Ciencias Ambientais, preocupada pola forma na que vivimos, e acabou marchando ao rural holandés, a compartir casa con compañeiros universitarios. Di que lle desgustaba que no seu país non se reflexionara sobre o consumismo: «Parece que somos moi modernos porque reciclamos moito, pero non nos plantexamos se estamos consumindo produtos chegados doutra parte do mundo, co custo medioambiental que iso ten, ou o feito de que non se poda acceder a un aluguer...». Buscaba vida auténtica, quería monte. E di entre risas que iso é difícil cando medras nunha terra totalmente plana. Así que un día colleu a bicicleta e púxose a pedalear.

Percorreu media Europa na súa bicicleta, en soidade, que é como lle gusta facer moitas cousas, e foise achegando a Galicia. Lembra ben o que lle aconteceu cando viu o río Miño por primeira vez: «Foi en Ourense, e foi marabilloso. A verdade é que me gustou moitísimo esta terra dende o primeiro día, ten algo especial». 

«Trouxen o cabalo dende alá»

Foi ata Portugal e volveu para Galicia. Finalmente, obtivo unha bolsa para poder facer un doutorado aquí, na Universidade de Vigo, e entón chegou o momento da mudanza a Pontevedra. Atopou unha casa nunha aldea de Mourente, cuns vinte veciños, e empezou a sentir que aí estaba o seu lugar no mundo: «Fixéronme sentir acollida dende o primeiro día. Eu trouxen o meu cabalo de Holanda, que se chama Fayo, e os veciños prestáronme as súas fincas para poder levalo. Todos se portan ben comigo».

Comezou a estudar o monte galego e namorou da figura das comunidades de montes: «Son practicamente únicas en Europa, é algo moi curioso. A forma na que se organizan... e o feito de que ás veces xorden problemas, pero tamén hai moita unión», di. Tamén se implicou nas chamadas «brigadas deseucaliptizadoras», para liberar os montes de eucalipto. Fala desa labor, da necesidade de apostar pola flora autóctona, e na conversa cólase a película As bestas e a historia do holandés asasinado na aldea de Ourense. Noa, que colleu ben a retranca galega, di: «Vin o que lle pasou ao holandés, vin... e algo asusteime. Eu creo que non me vou meter en moitas leas, non son moi de opinar con moita paixón de cousas polémicas como os eólicos ou o tema este agora de Altri... penso que hai que ter calma, que é difícil falar sen coñecer a fondo cada situación».

Di ela que, en lugar de discutir, prefire canalizar a súa enerxía cara a poesía. Así é como saca de dentro o que sente e o que pensa. Ás veces escribe so para ela. E ás veces para moita xente, porque dende que chegou a Pontevedra organiza unhas noites de poesía nos bares nas que hai micrófono aberto e tanto ela como outras persoas len os seus versos que, por certo, son en galego. A ela non lle parece meritorio que en menos de tres anos en Galicia aprendera a falar español e galego. Cre que é unha mostra máis do compromiso que ten co sitio ao que chegou: «Fun aprendendo pouco a pouco, é algo que me gusta moito. A ver se vou collendo vocabulario», di.

Pensa no futuro. E desexa en voz alta: «Non quero marchar nunca de Galicia. Non sei se sodes conscientes da riqueza da vosa vida», di. E iso si soa a poesía.