Pontevedra espera unha Feira Franca multitudinaria e sen choiva

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Preparativos da Feira Franca en Pontevedra
Preparativos da Feira Franca en Pontevedra Ramón Leiro

A única actividade suspendida é a cetrería, pola gripe aviar

05 sep 2024 . Actualizado a las 20:40 h.

Pontevedra prepárase para acoller esta fin de semana a súa Feira Franca. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, e da representante da asociación Paspallás Laura Otero, vaticinou onte que vai ser de novo unha xornada multitudinaria. «Hai Feira Franca —exclamou o rexedor—. Estamos preto dunha data que toda a veciñanza de Pontevedra agarda, así como tamén moitísima xente da contorna que se achega a gozar dela».

«Sabemos que vai ser unha edición na que participe un gran número de persoas porque así tivemos constancia ao longo destes días», explicou. «Seica se están alugando máis traxes que nunca». Fernández Lores tamén explicou que o número de solicitudes para mesas e postos é semellante ao de anos pasados.

Nese sentido, recibíronse un total de 177 solicitudes para montar mesas particulares —autorizáronse todas—, 128 para mercado —seleccionáronse 77 porque non caben máis— e 113 de hostalaría — autorizáronse todas—, o que amosa un evento absolutamente consolidado, e que encherá o centro histórico da cidade e os seus arredores.

«Estamos contentos porque se está a dar un traballo impresionante de todas as persoas que colaboran e traballan para que a Feira Franca sexa posíbel», comentou Lores. «Esta non é unha festa que se lle encarga a unha empresa, é unha festa que facemos entre todos e todas e que sen a implicación da veciñanza non tería ningún sentido nin tería o éxito que ten. É unha forma de ampliar o verán cultural e festivo da cidade de Pontevedra».

Sobre a choiva, o alcalde lembrou que agarda non ter que suspender ningunha das actividades programadas, mais en todo caso esperarase até o último minuto para ver se é posible ou non a súa realización. O rexedor lembrou que ningunha Feira Franca foi cancelada pola choiva, e no caso de que caian algunhas gotas «haberá que coller o paraugas medieval». «Agardamos que aínda que choiva algo non lle impida isto gozar á xente e poidamos ter unha gran festa».

Si hai unha actividade que viña sendo unha constante ao longo destes anos que non poderá ser vista este ano que é a exhibición de cetrería, tal e como se determina desde Xunta de Galicia polo aviso de gripe aviar.