Tamara Andrés, cotradutora de «As iluminacións»: «Os poemas de Rimbaud son redondos, non se pode retocar nada»

PONTEVEDRA

KALANDRAKA

Tamara Ándres e Oriana Méndez recollerán este sábado 28 en Cambados o Premio Plácido Castro de Tradución

27 sep 2024 . Actualizado a las 22:19 h.

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Tradución, este 28 de setembro, Tamara Andrés (Combarro, Poio, 1992) e Oriana Méndez (Vigo, 1974) recibirán na Casa da Calzada de Cambados o Premio Plácido Castro de Tradución que lograron pola súa tradución de As iluminacións, de Arthur Rimbaud, que publica a editorial Kalandraka. Aínda que a posibilidade de ser escollidas existía dende o momento de coñecerse as obras finalistas, Tamara Andrés confesa que, vista a calidade das mesmas, «se son sincera, non contaba con que fosemos a obra escollida. Foi unha sorpresa tremenda porque é un premio que significa moito. Foi sorprendente, a verdade». A convocatoria anual leva por nome o dun escritor, xornalista e tradutor nado en Corcubión e falecido en Cambados.

—Como é traducir a Rimbaud, un dos poetas máis universais?

—Non sei se saberei responderche porque foi un proceso moi longo, moi demorado e moi fondo. Démoslle moitísimas voltas, lemos os textos unha e outra vez, fixemos moitas versións de cada poema e, ao final cando o proceso en si estaba practicamente esgotado de tan traballado como estaba, era cando pasabamos ao seguinte. Foi un proceso moi longo, moi demorado, de moita lectura, de moita documentación. Non é só un traballo lingüístico, de traducir directamente un texto, senón que lemos moita teoría ao respecto de cada poema, lemos as versións que xa se traducirán previamente ao galego, lemos tamén as versións que se traduciron a outros idiomas que podemos controlar, como o castelán ou o portugués... Estamos falando igual de dous anos.

—É importante recalcar que, aínda que hai moita xente que cre que traducir é simplemente pasar directamente do idioma orixinal a outro, a tradución conleva un proceso máis arduo.

—Si, sobre todo cando se trata de poesía e sobre todo cando se trata de Rimbaud. É como se engaden capas de dificultade. Traducir nunca pode ser coller un texto e inmediatamente vertelo a outra lingua, ten que haber un proceso de documentación previa, un proceso de lectura moi fonda que fixe máis dunha única lectura. Entón, claramente, traducir non é só pasar dunha lingua a outra de forma instantánea.

—Ademáis de ao galego, traduciron «As iluminacións» a castelán, non si?

—Si. Primeiro o traducimos ao galego e logo ao castelán, que foi traducir a Rimbaud dúas veces e de xeitos distintos. Aínda que sexan, digamos, linguas moi parecidas, son diferentes. Había que buscar outras opcións, buscar outras formulacións e non foi o mesmo.

—E, en todo este proceso, non se sinte a tentación, de por así dicilo, corrixir a Rimbaud?

—Corrixir a Rimbaud iso xa sería... Tenme pasado con outras autorías no pasado, pero é que Rimbaud é único e é un poeta con P maiúsculo, os seus poemas son redondos, non se pode retocar nada. A pregunta que me facía eu como tradutora era se estaba interpretando correctamente, pero non se me pasou pola cabeza, en ningún caso, e pola de Oriana tampouco, corrixilo. A pregunta constante era: «Estouno a interpretar ben?».

—Que outros proxectos ten máis inmediatos?

—Estou no programa de doutoramento de tradución, estou coa tese, que ten que ver coa historia da tradución ao galego. Con Kalandraka sego con algunha tradución, sobre todo con tradución infantil, e pouco máis do que é o ámbito da investigación, como acudir a algún congreso ou así. E en novembro participarei na terceira Residencia Literaria da Illa de San Simón. Pero a nivel creación, menos cousas.