Chévere desembarca no Culturgal de Pontevedra cun espectáculo único: «Ultranoite Cultureta»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A cita é o vindeiro 30 de novembro e as entradas xa se poden mercar na web da Feira das Culturas Galegas

02 nov 2024 . Actualizado a las 19:14 h.

O Culturgal, que se desenvolverá do 29 de novembro ao 1 de decembro no recinto feiral de Pontevedra, será o escenario da posta en escena da Ultranoite Cultureta, espectáculo que o grupo Chévere preparou única e especificamente para a Feira das Culturas Galegas. Deste xeito, a compañía desembarca no Culturgal «para se achegar ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns», referiron en relación a unha representación que se desenvolverá o 30 de novembro ás 21 horas no auditorio.

Neste punto, lembraron que, nunha das primeiras edicións do Culturgal, no 2008, Chévere celebrou «o rito escénico de casamento da cultura e a industria, unha unión que se intuía fráxil e sometida a constantes disputas e desencontros». Transcorridos dezaseis anos, «volvemos ao Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis ca un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposible?», pregúntanse dende a propia compañía.

Deste xeito, o espectáculo busca «atopar respostas a outras preguntas: Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Quen é quen na santa compaña da cultura galega? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto a tipoloxía das Casas da Cultura? Hai vida máis alá da subvención?», engadiron ao respecto.

Entradas á venda

As entradas para a Ultranoite Cultureta, así coma as de A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, xa están á venda a través da web do Culturgal e inclúe o acceso dun día á feira. De igual xeito, pódense adquirir de xeito anticipado entradas e abonos para a feira con prezos de 3 euros a dun día, 5 euros o bono das tres xornadas, e prezos especiais para familias e público infantil.