Anna Cornudella presenta a súa opera prima en Novos Cinemas coa que triunfou na Berlinale

PONTEVEDRA

O filme compite na sección Oficial, na que se proxectarán tamén «Los hiperbóreos» e «No sleep till»
13 dic 2024 . Actualizado a las 08:14 h.A cuarta xornada de Novos Cinemas ten varios nomes propios. O de Anna Cornudella é un deles, toda vez que opte anunciouse que opta coa súa opera prima, The Human Hibernation, ao Premio Feroz Arrebato na categoría de no ficción. Está película acadou este ano no Festival Internacional de Cine de Berlín (Berlinale) o recoñecemento ao recibir un dos premios da Federación Internacional da Crítica de Cine (Fipresci).
Trátase, segundo destacaron dende Novos Cinemas, dunha obra «que desafía as fronteiras da ciencia ficción cunha reflexión profunda sobre a relación entre os seres humanos e a natureza». The Human Hibernation proxectarase por vez primeira en Galicia dentro da sección Oficial (19 horas. Teatro Principal), categoría na que tamén se exhibirán Los hiperbóreos, dos chilenos Cristóbal León e Joaquín Cociña (16.30 h.), e No sleep till, de Alexandra Simpson (21.30 h.).

A programación desta cuarta xornada de Novos Cinemas comprende a proxección doutro dos filmes seleccionados na categoría de Latexos, concretamente, de Los reinos, de Manuel Muñoz, cuxo pase en Pontevedra é a súa estrea nacional.
Nos Encontros, que se desenvolven na Casa das Campás, participará Pedro Alves, coordinador do Grado en Cinema da Escola das Artes de Porto (11 h.), así como terá lugar unha mesa redonda na que participarán María Yáñez, María Vera e Lorena Verín (12.30 h.) afondando nas estratexias de promoción do cine independente. Ademais, este espazo acollerá un pitch de proxectos do LAB desta edición ante o equipo asesor do laboratorio e profesionais destacadas do sector audiovisual.
E xa pola tarde, a partires das 17 horas, celebrarase a última sesión do obradoiro centrado na produción audiovisual impartido por Jamie Weiss, en colaboración coa ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid).