Con Pilindrín, Pedro Chosco e á roda roda, así eran os xogos e as cantigas do século pasado
PONTEVEDRA
Un libro recolle a tradición do cancioneiro popular infantil con referencias de toda Galicia
29 dic 2024 . Actualizado a las 22:20 h.O Pilindrín, un personaxe farrapeiro e mal vestido, pon título ao cancioneiro galego infantil tradicional que vén de presentarse en Vilagarcía. O libro propón unha viaxe no tempo por toda a xeografía galega e permite coñecer a tradición oral na que creceron os nenos do século pasado, cando as pantallas non chegaran ás nosas vidas e os xogos e as relacións cultivábanse nas rúas. A publicación, que asinan o folclorista Carlos Rey e o músico Cristian Silva, é froito de décadas de traballo de campo que agora cobra forma nun libro ilustrado por Serxio Cobos e clasifica este legado en varios apartados: xogos participativos, de corda e de roda; recitativos; cancións e «formuliñas para pandar» como a de Luis Pitís, ca man no narís / foi á cociña, come-la pescada / súa nai non lle dixo nada / A pescada estaba fría, agarrou unha caaaaaaagarría.
Pedro Chosco, Paxariño Pinto, Señora María, O Capucho... todos eles aparecen neste compendio con 37 referencias e 155 páxinas que invitan ao desfrute e á nostalxia duns tempos que xa non volverán, pero que, grazas a Rey e Silva e á asociación Faiado na Memoria, que edita a publicación, xa non se perderán.
Cada entrada documéntase con datos sobre a súa orixe, a melodía e unha explicación sobre como se desenvolvían os xogos. Sirva como exemplo o Aceiteira, vinagreira recollido en Vilaxoán: «Este xogo está estendido por toda a xeografía peninsular. É esencialmente de nenas. A rapaza que fai de nai está sentada e a que panda ponse de xeonllos e agocha a cabeza no colo da nai. O resto das nenas, situadas ao redor, entoan a canción e, ao acabar, botan a correr para esconderse mentres a nai dálle un pelisco no cu á que panda, ao tempo que dí: paraxariños, estades na xaula? E as nenas contestan que si. Entón a que panda ten que ir buscalas».
Con este detalle abórdase cada un dos capítulos: Roda roda foi recollido na Fonsagrada; O furón, na Illa de Arousa; O lobo, en Curtis; Os calzóns dun rei en Vilagarcía, Cantar das mentiras en Cuntis; Ao ron ron, en Vilanova; O cabritiño, en Caldas; Quero caldo, en Valga; Arco da vella, en Cotobade; O chan, en Marcón (Pontevedra); Pedro Chosco en Sobrado dos Monxes; A miña galiña en Fonfría (Lugo)...
Os autores quixeron que todas as cancións foran en galego «e iso limitounos moitísimo» porque a maioría que se conservan na actualidade, sobre todo nas vilas, son en castelán, caso de Mambrú se fue a la Guerra, Pasemisí o Chocolate morenillo. Hai que ter en conta que case un terzo do repertorio infantil galego provén de fóra de Galicia, e en castelán pasou de pais a fillos.
Foi necesario recorrer á xente maior e ir ao rural para rescatar esa outra tradición oral en galego, aínda que con algún castelanismo «que ás veces tivemos que respectar para gardar a rima ou a métrica dos versos».
O libro remata cunha análise musical de varias das pezas «breve e esquemática» para que poidan ser empregados de maneira didáctica nas aulas e inclúe un código QR que permite visualizar contidos audiovisuais relacionados co cancioneiro.
O folclore galego pode analizarse a través dos ciclos que marcan o Nadal, o Entroido, a Coresma e o Maio, aínda que as cancións infantís interpretábanse ao logo do ano, segundo explican os autores. Fóra dalgunhas excepcións, as cancións, aínda que empregadas polos nenos, eran creacións dos adultos e tanto podían ter orixe popular a través dun cego ou vendedor ambulante como vir da corte francesa. Rey e Silva clasifican esta tradición por temas: a escatoloxía, os bechos, o entorno os oficios, a familias, os vellos, os curas, a morte, labores cotiás, os xogos con castigo, os trabalinguas e a onomatopea e falan tamén do sexismo: «Máis que de sexismo haberá que falar de xogos por sexos: de nenos e de nenas. Os de roda adoitan ser mixtos, xeralmente dos rapaces pequenos; os de corda e pasemisís de nenas, aínda que ás veces podían invitar aos nenos. O resto dos xogos así como as formuliñas para pandar acostuman ser comúns. En canto a se as letras son sexistas, poderíase dicir que non, salvo algún caso moi concreto», segundo consta na publicación prologada polo antropólogo Carmelo Lisón Tolosona.