Arranca unha nova edición en Pontevedra dos Domingos do Principal

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A cita programou a partires do vinderio 2 de febreiro catro espectáculos

26 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Acompañado por Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso, de Teatro Akatro, Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra presentou unha nova edición dos Domingos do Principal que botará a andar o vindeiro 2 de febreiro. Esta nova edición programou catro espectáculos noutros tantos domingos consecutivos con pases ás 12 e as 18.30 horas, de tal xeito que dende onte xa se poden mercar a través de Ataquilla.com os abonos para todo o ciclo, que teñen un prezo de 12 euros, e as entradas, cun costo de 4 euros.

«Estamos moi contentos porque Pontevedra non para», recoñeceu o edil destacando que «contaremos co máis alto nivel dentro desta programación». De feito, precisou que os integrantes de Teatro Akatro fixeron «a selección de obras, tanto galegas como de fóra do noso país. Para Pontevedra é un luxo ter unha programación coma esta, pero, sobre todo, é un luxo ter persoas como estas que son capaces de montar un programa así».

Pola súa banda, Xacobe Rodríguez resaltou o feito de que «confiaron en nós e nos deron plena liberdade para poder escoller os espectáculos. Levamos xa un montón de anos con esta programación e traemos a metade dos espectáculos de fóra e a metade de aquí».

A programación arrancará en Pontevedra o vindeiro domingo coa compañía de Roi Borrallas e o seu espectáculo Solo, que «combina monicreques con traballo de clown e manipulación. É digno de ver non só para público infantil senón para público adulto. Podería ser programado en Ponteatro e tería o mesmo éxito» apuntou Xacobe Rodríguez.

Pola súa banda, o 9 de febreiro tocaralle a quenda á compañía Artika, de Vigo, que «vén cun espectáculo musical —Pum, pum. Quen hai?— e trata o tema da diferenza, do rexeitamento ao que vén de fóra», mentres que o 16, Elefante Elegante recalará no Teatro Principal con Kioki, «un espectáculo plástico, visual, que fai reflexionar sobre a vellez e as situacións que se dan coa xente maior, o esquecemento, a soidade.... Traballa con linguaxe xestual que permite que haxa varias lecturas do espectáculo para a cativada e o público adulto».

E os salmantinos de La Chan Teatro clausurarán Domingos do Principal coa súa reinterpretación dun clásico, Blancanieves. Tratase dunha versión en verso do conto dos irmáns Grimm «onde todos os personaxes son lámpadas».