
Unha planta de revalorización comezará a funcionar durante o 2026 en Meis
24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Para conseguir unha verdadeira economía circular, as empresas deben ser capaces de darlle unha segunda vida aos seus residuos. Un obxectivo que asegurará proximamente Bodegas Martín Códax grazas a apertura dunha planta de revalorización dos residuos xerados na elaboración do viño. Miguel Tubío, director técnico da compañía pontevedresa explicou o proxecto no último programa de Ecovoz en Radio Voz.
—En que consiste este proxecto?
—Levamos xa dous anos traballando en el grazas a unhas axudas da Deputación. Nós transformamos as uvas en viño, e da uva quedan a pel ou o raspón, por exemplo. Entón o que queriamos era que todo este produto volvese ao proceso de produción para mellorar a fertilidade do solo. Aí sae a iniciativa de facer unha planta de compostaxe para tratar os nosos residuos.
—Pero non só tratarán os seus.
—Claro, é que grazas ás sinerxías creadas por un plan da Deputación pensamos que aportando máis elementos sairía unha compostaxe de mellor calidade. E por iso, nesa planta vai ter cabida unha cantidade pequena da recollida selectiva dos concellos da comarca,. Ademais tamén incluiremos os residuos da poda. Con todo, faremos unha compostaxe que, nas nosas contas, nos permitirá conseguir os fertilizantes para o 30 % da nosa superficie de viñedos.
—Van xestionar dende Martín Códax a recollida nos concellos veciños?
—A planta vai ser para uso interno. Imos xerar esa compostaxe para os nosos viticultores. Pero de forma diaria recolleremos unha certa cantidade de produtores de residuos orgánicos que xa hoxe fan unha recollida selectiva de calidade, como poden ser os supermercados ou os restaurantes.
—Cando estaría en marcha?
—Pois esperamos ter as licenzas para comezar a construír cara finais de ano, e queremos tela operativa durante o ano 2026.
—Estudaron xa o aforro que lles pode supoñer este aproveitamento dos residuos?
—En realidade son pequenas economías que se entrelazan, é a base da economía circular, porque cun proceso así se lle dá sentido a todo o que buscamos: redución das emisións, minimizar transportes, minimizar desperdicios... Quizais o simple feito de reducir no uso de fertilizantes non se note tanto a nivel económico, pero si que permite todo isto toda esta redución de CO2. Hoxe usamos un fertilizante químico con fosfato de Marruecos que propicia uns movementos de transporte que teñen moita pegada de carbono. Entón, ademais do aforro directo, a maior contribución é a descarbonización á que penso que temos que dirixirnos todos.
—A innovación pasa, tamén, pola sostibilidade.
—Claro. Como cooperativa e como bodega tivemos sempre un foco de innovación. Dende o produto, pero tamén dende o coñecemento da nosa base de viticultores. Moitas das investigacións que facemos, ao final, son dirixidas a facer unha viticultura ou unha uva mellor. E aí tamén buscamos que sexa o máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Non só polo marco normativo que hai que cumprir, senón tamén pensando en que estas actividades que levan desenvolvéndose moitos anos, como a dos viticultores, sexan viables no futuro. E para iso a sociedade de hoxe non admite calquera método, así que buscamos como mellorar da forma máis natural posible. O que está claro é que a actividade ten que ser compatible co medio rural na que se desenvolve, porque ademais ten o engadido do atractivo turístico que supón e que movan moitas persoas.
—Cústalles seguir as continuas actualizacións das normativas?
—Sobre todo pola carga administrativa tan importante que teñen detrás. É algo que preocupa á Unión Europea, e obriga a ter traballadores exclusivamente para controlalo, pero non lle vexo outra forma de regulalo. A ver se somos capaces de simplificalo.