
Dende este venres e ata o vindeiro 16 de marzo, o Palacete das Mendoza de Pontevedra acolle a exposición Desigual, do pintor Gonzalo Sellés Lenard.
Nesta mostra, o artista vigués invita «ao espectador a unha dobre observación empírica e física e, a través das súas pinceladas, meticulosas, busca representar o intanxible, capturando o tempo de forma física», destacaron dende a Deputación de Pontevedra. Engadiron, neste sentido, que «a súa obra oscila entre a abstracción e a figuración, mostrando figuras identificables como pétalos ou follas, mentres aborda ideas tanxibles propias da abstracción».
Deste xeito, na serie Fuzzy, que presenta na mostra que se pode visitar na sede de Turismo Rías Baixas, «tamén pon sobre a mesa unha ruptura coa concepción clásica da arte, imitando a natureza de maneira non coherente».
Pode visitarse de luns a venres de 8 a 20 horas; sábados e festivos de 10 a 14 e de 16 a 19 horas; e domingos de 10 a 14 horas.