Pontevedra degusta o mellor caldo do mundo

PONTEVEDRA

A Deputación acolleu a recepción dos novos confrades da Orde do Caldo Galego de Mourente

09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Prometedes pola vosa honra sobre a memoria dos celtas e a nosa tradición conservar os ingredientes e o aroma do caldo galego de Mourente que fai enxebre a cocina dos galegos, respectando e facendo respectar o noso caldo galego e o bo facer de moitas xeracións». Por primeira vez nas trinta e tres edicións da Festa do Caldo Galego de Mourente, a Deputación de Pontevedra acolleu este sábado o acto de recepción de novos confrades. De este modo, estrearon a capa da Orde do Caldo Galego o deputado de Cultura, Jorge Cubela; a xerente territorial do Catastro, Micaela Martínez; o concelleiro de Cultural, Demetrio Gómez; o secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández; e o historiador Xosé Álvarez Castro.

Ramón Leiro

Nun ateigado salón de actos, onde se deron cita representantes de ata trinta e dúas confrarías de España e Portugal, o presidente da Deputación, Luis López, resaltou que «hai un ano tiven o privilexio de recibir a honra que hoxe recibides vós, non teño dúbida de que seredes grandes embaixadores non só dun gran valor da nosa gastronomía, senón de toda a provincia». Ao tempo mostrouse convencido de que, «como ocorre con todas as persoas que visitan as Rías Baixas, co Caldo Galego de Mourente tamén é inevitable repetir».

Ramón Leiro

En canto á programación deste domingo, a mesma arrancará ás 12.30 horas co recibimento das autoridades e confrades para, acto seguido, levarse a cabo a lectura do pregon a cargo da cantante Marietta. Ao seu remate, cantarase a canción dedicada ao caldo de Mourente da cantautora María do Ceo ao tempo que se lle fará entrega dun agasallo ao chef Xulio Mato. De igual modo, levarase a cabo unha homenaxe a Isidoro Bouzas Vila, veciño desta parroquia e colaborador da Festa do Caldo, mentres que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores pechará este acto instrucional.

Ramón Leiro

En torno ás 14 horas, está prevista a actuación de varios grupos folclóricos —Coral Voces Amigas de Mourente, Grupo Foula de Tenorio, Los Alegres de Mourente, Agrupación Curtidoira Folk e A Cabeza non Para—, que antecederá á degustación e xantar do que se considera «o mellor caldo Galego do mundo».