
A tercera edición do evento vaise celebrar do 22 ao 25 de maio
24 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Por terceiro ano consecutivo, a banda deseñada atopará en Pontevedra un espazo no que proclamarse protagonista absoluta da programación cultural. O festival BDra Gráfica presentará unha programación emocionante e ambiciosa entre o 22 e o 25 de maio. Organizado polo Concello, o evento conta coa dirección e coordinación de Kiko da Silva, artista e director da escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético.
Nesta ocasión, o cartaz de BDra Gráfica ten como protagonista a Corto Maltés, mais non nun espazo calquera, senón que posa na Praza da Leña, onde este mércores tivo lugar a presentación do festival . O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que a cita que contará coa presenza de «figuras consagradas e internacionais». «Nós sempre estaremos encantados de que en Pontevedra pasen cousas deste tipo, cousas que transcenden a cidade e mesmo o país. Só podo agradecerlle o seu traballo a Kiko da Silva e ao seu equipo e animar a todo o mundo a que se interese por este evento, que vaia aos distintos espazos cos que conta, e ás distintas charlas que se programarán», indicou.
«É un luxo»
Pola súa banda, o director do Garaxe Hermético, destacou o fito que foi poñer en marcha este festival e ver como dun xeito tan veloz se colocou como referente dentro do país. «Este ano temos a sorte de contar cun cartaz debuxado por Rubén Pellejero, o actual responsable de Corto Maltés, xunto con Díaz Canales. É un dos libros de banda deseñada máis importantes do século XX e XXI, figura chave dentro do cómic europeo e arxentino».
«É un luxo ter unha imaxe coma esta», declarou. «Ademais deste cartaz, teremos unha exposición de orixinais dos últimos libros de Corto Maltés que estará na Fundación Moldes, un dos desta edición. Tamén teremos de convidada a Ana Oncina, recoñecida polo seu libro Croqueta &Empanadilla, que vén de gañar premios mesmo no Xapón».
A lista de convidados é longa, desde Jaime Martín, Javi Rodríguez, Javi Rey ou Alicia Jaraba, que realizará a masterclass deste ano no Teatro Principal, ata Paula Mayor ou Teresa Valero, que realizará unha exposición no espazo Nemonon fóra das datas oficiais do festival, o día 30 de maio.
Como é habitual, BDra Gráfica contará na Praza da Ferraría cunha carpa que funcionará como centro neurálxico de todo evento e como punto de encontro e de distintas charlas, así como de venda de obras. Ademais, a Casa Consistorial abrirá as súas portas ao público para acoller unha mostra de corenta orixinais do coleccionista Jaume Vaquer, dono dunha das coleccións privadas máis importantes dentro do eido da BD.