A gran festa da lingua

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A maioría de concellos da comarca de Pontevedra programou actos este sábado para conmemorar o Día das Letras Galegas

18 may 2025 . Actualizado a las 11:05 h.

O Día das Letras Galegas, que se conmemora este sábado, é unha xornada de gozo, pero tamén de reivindicación que este ano homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral. Deste xeito, numerosos concellos da contorna de Pontevedra han programado toda clase de actos e eventos.

Pontevedra

Na cidade de Pontevedra, e dentro do programa Maio, mes da lingua, o Concello colabora con tres actividades diferentes. Dous destas citas son desenvolvidas polo Centro Social A Pedreia no marco da Festa da Língua 2025. Así, dende ás 11 horas, a rúa Serra acollerá o espectáculo Con língua própria, de Peter Punk, xogos tradicionais con Miudiño, unha ruada con Foula e a iniciativa libros viaxeiros. Posteriormente, dende ás 14 horas, sesión vermú con Foula e Pandeireteiras de Quireza previa ao xantar popular. E, como remate, foliada co alumnado da Pedreira. De igual xeito, o Concello e a asociación veciñal O Mirador impulsan da man de Migallas a representación do espectáculo Pegadas de Castelao no Centro Cultural de Monte Porreiro (19 h.).

Vilaboa

Baixo a denominación de Vilaboa cántalle ás Letras, o Concello homenaxeará a Felicia de Fofe, cantareira que residiu en Paredes durante moitos anos da súa vida e que faleceu no 2016. A programación, coordinada polo músico pontevedrés Marcelo Dobode, arrancará ás 18.30 horas na Casa de Cultura de Riomaior cunha charla de Guillerme Ignacio Costas, para continuar con Cantareiras, a poesía popular nas Letras Galegas a cargo de Polo Correo do Vento. A sesión rematar cun concerto das Pandereiteiras de Arcade (Tudutén).

Poio

O Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, será o epicentro en Poio da programación desta xornada. A partires das 17 horas, entregaranse os premios literarios, certame que contou coa participación de 120 traballos. «Unha participación moi alta, de dentro e fóra do noso concello, que consolida e afianza este certame literario», precisou o alcalde Ángel Moldes. Ademais, está prevista unha conferencia de Xosé Luis Pastoriza Rozas, doutor en filosofía e experto no legado e figura de Xaime Isla, así como a actuación das pandeireteiras do Ronsel e da Escola de Música Tradicional de Poio, que interpretará o himno galego.

Bueu

A Romaría das Letras Galegas, que alcanza a súa vinte e catro edición, desenvolverá en Sanamedio unha proposta renovada con actividades para toda a familia. Ás 12 horas, o primeiro Festival dos Grupos Folclóricos de Bueu coa participación de Retrouso de Cela, Novos Ventos de Beluso, Os Liboreiros e Cantadela de Meiro, mentres que ás 16 horas arrancará o micro aberto no que se poderán recitar poemas ou fragmentos de textos en galego, mentres que medio horas despois gozarase dos xogos tradicionais. Os máis pequenos serán protagonistas en A ciclobiblioteca, do contador e escritor Anxo Moure, e dende ás 18.30 horas, a Libraría Miranda organiza a presentación do libro A historia de Galicia en 30 obxectos, do historiador e divulgador David Gesteira. A cantautora Sheila Patricia será a encargada de pechar a festa, a partires das 20 horas, cun concerto en gran formato no que recupera o canto popular.

Marín

Marín, vila do libro é a iniciativa impulsada dende o Concello para conmemorar as Letras Galegas, aínda que ás 13 horas está previsto un acto institucional na Igrexa Vella no que se entregará o Premio de Narración Curta. Entre outras actividades programadas en Marín, vila do Libro, a actuación das Pandereteiras As Chaneiras no Espazo Alameda - Bernardino Graña ou o Concerto polas Letras Galegas (20 h. Igrexa Vella) coa Coral do Centro Sociocomunitario de Marín, a Coral Ondas do Mar de Vigo e o Coro Liceo de Navia, así como se contará coa presenza de distintos autores, caso de Tamara Andrés, Pilar Arnau ou Sebastià Bennasar, e sen esquecer os distintos obradoiros.

A Lama

O Concello da Lama organizará unha andaina solidaria que sairá ás 10 horas da praia fluvial do Verdugo cun trazado circular de dificultade media-baixa. Esta actividade contará co participación de Alberto Canosa, monitor deportivo. Os donativos irán destinados a unha ONG. «Será un xeito especial para celebrar o Día das Letras Galegas coñecendo e gozando do rico e variado patrimonio natural que atesoura o concello da Lama», destacaron ao respecto.

Sanxenxo

Este 17 de maio, o Concello de Sanxenxo homenaxeará aos seus grupos de música tradicional —Os Gatiños, Abiñadoira, Soalleira, Lembranzas, Airiños e Os Cruceiros— nun acto que se desenvolverá, dende as 18 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán. «Queremos homenaxear nese día as nosas pandeireteiras e poñer en valor o talento local», precisou Elena Torres, concelleira de Cultura. Nesta mesma sesión, lembrarase a traxectoria e legado das cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerdeda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e das integrantes das Pandereteiras de Mens Malpica —Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda—. O cantautor Manoele de Felisa interpretará unha canción adicada as cantareiras nun acto que rematará co himno galego. Previamente, ás 12 horas, na Praza do Pazo entregaranse os premios do XXII Certame Literario Os Picariños, Premios Mestre Hermida, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo, acto que será conducido pola escritora novel de Bordóns, Tania Poza, e rematará coa actuación de Acordeireta.

Barro

O Pazo da Crega será escenario esta tarde, a partires das 19 horas, da vinte e nove edición do Festival do Grupo de Danzas Amor Ruibal co que o Concello de Barro celebra o Días das Letras Galegas. Ademais dos anfitrións, contarase coa presenza da Peña Xuntanza, da Asociación de Folclore Entre Ríos de Arevalo e Hai que roelo.

Portas

A partires das 20 horas, o auditorio da Azucreira de Portas acollera un concerto da Banda de Música Unión de Lantaño no que participará como solista Xosé Real, excantante do grupo Crepúsculo e da orquestra Tálamo, e actual vocalista do grupo folck Eoas. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo. A agrupación estará dirixida por Adrián Real López.

Caldas de Reis

Cun concerto da Banda de Música Municipal na Praza das Palmeiras, a partires das 20.30 horas, o Concello de Caldas de Reis celebrará esta edición do Día das Letras Galegas. Para esta ocasión, a agrupación estará dirixida por Javier Penido.

Cuntis

Como ven sendo tradicional, desenvolverase unha ofrenda floral (12 h.) no busto de Roberto Blanco Torres na Horta do Cura coa interpretación do Himno Galego a cargo da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, que tamén realizará o pasarrúas pola vila.