Homenaxe ao impulsor do maior bosque de secuoias de Europa

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE POIO

A cita contará coa presenza do profesor John H. McElroy, artífice da prantación de cincocentos exemplares desta especie no Castrove

20 may 2025 . Actualizado a las 16:45 h.

O Concello de Poio ultima un acto institucional de homenaxe a Manuel Viéitez, axente ambiental falecido recentemente e que foi unha das persoas que axudaron a crear o Bosque de Colón, a maior plantación de secuoias vermellas de Europa. Este evento terá lugar o vindeiro venres, 23 de maio (12 h.) e contará coa participación do seu artífice, o profesor John H. McElroy, chegado desde Arizona para a ocasión.

De feito, o alcalde Ángel Moldes, así como membros do goberno e familiares de Viéitez, recibiron esta luns na Casa do Concello ao profesor McElroy, que asinou no libro de honra do Concello de Poio. No transcurso deste acto, manifestou que Poio e todas as persoas que participaron na plantación do Bosque de Colón hai xa 32 anos fixeron posible cumprir o seu soño: «É gran pracer para mi regresar outra vez a Poio, un lugar que ten un significado moi especial para min», engadiu remarcando que foi a súa investigación sobre a orixe galega de Cristóbal Colón nos anos 60 de onde xurdiu a iniciativa lexislativa que propiciou a creación deste parque.

Pola súa banda, Moldes agradeceu a McElroy que, de novo, volva a Poio, un municipio que lle debe tanto. Así, aludiu a que o Bosque de Colón ten un importante valor histórico, cultural e natural e representa, ademais, un recurso turístico de primeira orde. Así, sostivo que se trata dun «tesouro que hai que coñecer e conservar, unha peza especial no obxectivo de consolidar Poio como un referente turístico sostible e de calidade».

CONCELLO DE POIO

Neste sentido, precisaron. que Manuel Viéitez tivo un papel destacado na creación do Bosque de Colón, non só en 1992 cando mozos e mozas poienses e outros 25 adolescentes chegados desde EEUU plantaron as 500 secuioias que hoxe forman o Bosque de Colón, senón que se implicou persoalmente na posterior evolución e crecemento das especies. «Esta homenaxe é máis que merecida, non só pola calidade humana de Manuel e a súa paixón polo noso monte, senón pola implicación constante que mantivo ao longo de todos estes anos».

De igual modo, mantivo que «contar coa presencia do profesor John H. McElroy e da súa familia farán que esta homenaxe sexa aínda moito máis especial».