«De Eva a Maruxa» achega a historia da arte dende unha perspectiva feminista
PONTEVEDRA

A mostra inaugúrase este martes na primeira planta do Mercado Municipal, e o 10 de setembro comezará un percorrido por todos os centros
participantes na súa elaboración
16 jun 2025 . Actualizado a las 19:43 h.
A primeira planta do Mercado Municipal de Pontevedra acolle este martes, a partir das 11.30 horas, a inauguración da mostra De Eva a Maruxa, un percorrido pola Historia da Arte con perspectiva feminista que foi auspiciada polo Consello Municipal da Muller Nova do Concello de Pontevedra e realizada integramente, tanto no deseño e produción como nos contidos, por alumnado e profesorado de centros de secundaria do municipio, e O Garaxe Hermético. Continuará alí ata o 10 de setembro e co inicio do curso 2025-2026 comezará unha ruta itinerante polos centros de ensino participantes.
A exposición amosa as conclusións do traballo realizado durante todo o curso nas aulas para verter sobre a arte unha ollada igualitaria. Faino a través de 24 paneis, 12 xogos interactivos e outras estruturas complementarias que fan un percorrido pola relación das mulleres coas distintas formas de expresión da arte plástica, tanto desde a perspectiva de creadas como desde a de creadoras.
Aparecen artistas que ao longo da historia destacaron en distintos ámbitos, moitas delas descoñecidas para a meirande parte da poboación, mais tamén hai unha análise sobre o xeito en que as mulleres foron retratadas ao longo da historia, e de aí xorde o título da mostra: De Eva a Maruxa simboliza ese paso da muller creada á muller creadora. A Eva xurdida da costela de Adán foi retratada en moitas ocasións como símbolo da muller pecadora, nunha visión misoxínica da relixión e da sociedade que se reflectiu na arte. En contraposición está Maruxa Mallo que simboliza a creadora feminista e transgresora.
Os contidos
En De Eva a Maruxa están representadas 225 mulleres artistas e 142 cadros, 112 delas e o resto incluídos para reflectir como foron retratadas ao longo da historia, sen contar coa versión en tamaño XXL de As dúas Fridas, Os centros que teñen participado no deseño dos contidos da mostra con CPR Sagrado Corazón de Praceres , IES A Xunqueira, IES Sánchez Cantón, IES Valle Inclán, CIFP Montecelo, ,IES A Xunqueira 2, IES Torrente Ballester, IES Luís Seoane, IES Frei Martín Sarmiento e CIFP A Xunqueira.