
A arousá Ángela Fernández probou os meles do éxito dentro e fóra de Galicia e agora quere compartir na súa terra todo o que aprendeu. Como a emoción de gozar dunha das edicións máis expectaculares da Bandeira da Concha, con ondas de 4 metros
21 jul 2025 . Actualizado a las 22:20 h.Ángela Fernández Cambados (O Grove, 26 de novembro de 1988) non naceu cun par de remos debaixo dos brazos, pero case. Nunha familia onde a maioría dos homes compartían o uniforme do Club de Remo Mecos, o seu pai, futbolista do modesto Anduriña, era excepción a unha regra non escrita que ela quixo estender á rama feminina. «Con 13 anos, vía os remeiros de Mecos na tele; eran os meus ídolos», recorda Ángela. De aí que o seu hoxe cuñado, Vando, un dos integrantes da mítica traiñeira coa que o club arousán inscribiu só dous anos despois o seu nome como primeiro subcampión da historia da Liga ACT, non tivese que insistir para convencer a unha rapariga de 13 anos de que probase a subir nun batel no 2001. Entre a admiración máis pura, a que lle nace de dentro a unha nena, e unha estrea redonda, patroneando un batel feminino promesas —a categoría que entón mesturaba a infantís e cadetes— que gañou todas e cada unha das regatas, con cadanseu títulos territorial, galego e español, Ángela non puido entender xa o seu mundo sen a estajonavista rutina de saír ao mar a baleirarse en cada circunferencia debuxada no aire e na auga co máis extraordinario dos lapis. Hoxe, na dobre condición de adestradora e de remeira da traiñeira do C.R. Mecos na LGT Feminina e de patroa do barco rei na LGT A masculina.
O valor que o remo ten para a grovense pode resultar difícil de entender para a maioría dos descoñecedores dun deporte estreitamente ligado á tradición mariñeira. Ata que Ángela conta como só tres meses despois de dar a luz, en decembro do 2020, a súa filla Lía volveu subir a un batel, de patroa, nas filas de Robaleira, o club no que adestraba entón o seu marido, Iván Treinta. Pouco despois, completaba a tempada co remo nas mans, saltando do batel á traiñeiriña.
«O remo é un estilo de vida. Tes os teus momentos de agobio, pero á semana que pares, queres volver empezar. É un deporte que engancha», di a arousá. Dunha maneira que para quen non o probou pode resultar ata contraditoria: «Engancha unha polo espírito de equipo. Ás veces vas cansa, rota, pero tes que facelo polos teus compañeiros. Ese nivel de autoesixencia vén de non querer fallarlles aos teu compañeiros». Un factor que engarza co pulo dunha motivación por riba da media. «Eu son unha persoa moi competitiva. E a ese nivel, o remo é un deporte moi interesante», conta a adestradora e remeira da traiñeira feminina de Mecos. Un un máis un que suman sete, atopándose con que «o club se converte na túa segunda casa», engade; polo tempo que pasa nel, pero sobre todo, polos lazos afectivos que se tecen de portas a dentro.
Claro que para facer que todo o anterior flúa e se converta nese estilo de vida que tanto bo lle leva dado a Ángela Fernández, «o que hai que saber é que te tes que organizar moi ben». Só así, explica, é posible que alguén coma ela, «con 36 anos, cun negocio —a tenda de deportes Cronos do Grove, que abría en plena pandemia no 2021— e cunha nena de 4 anos» poida encarar a esixencia e o compromiso de saír seis días á semana á auga, cos seus tempos de idas e de voltas. Tendo que dalo todo, de outubro a setembro, cun escaso mes de respiro e moitas molladuras xeadas enriba do corpo. E inda así, detrás doutro aparente paradoxo, emerxe algo que, se non é, se lle semella moito á felicidade.
Campioa de España de Traiñeiras Femininas na primeira edición desta modalidade, no ano 2019 con Mecos-Coruxo, copartícipe dos dous títulos da Liga Galega de Traiñeiras Feminina gañados polo seu club con cadanseu barcos combinados, Mecos-Ribeira no 2017 e o mencionado Mecos-Coruxo no 2019, Ángela Fernández, que sempre buscou onde enrolarse para seguir competindo cando Mecos non tivo suficientes mulleres coas que montar o barco rei, coroaba o ano pasado a súa primeira experiencia fóra de Galicia patroneando o ascenso de Astillero, un dos grandes clubs do remo español, desde a ET, a competición de traiñeiras femininas vasco-cántabra, á Liga Euskotren. Ao termo da tempada, a grovense declinou a oferta que lle presentaron para acompañar a Astillero á elite.
«Gustoume moito, paseino moi ben e e tratáronme moi ben. Traballei cun corpo técnico moi bo. Sabía que ía aprender moito desta experiencia, vivir e ver o remo desde fóra de Galicia». Pero, sinala Ángela, «xa teño unha idade, e responsabilidades en Galicia».
Con todo, neste momento da vida o que máis a convenceu de non gozar doutra experiencia única foi, confesa, «o proxecto en Mecos. Temos unha traiñeira feminina despois de moitos anos —2019—, de xente noviña, case todas xuvenís e sub-23». Dez remeiras do Grove e outras oito da Guarda, de Puebla, de Vigo e unha cántabra. «Queremos darlle continuidade. Estas rapazas merecen que quede con elas e que lles achegue o coñecemento que fun adquirindo para subir o seu nivel», sentenza.
O soño cumprido de patronear na Bandeira de La Concha e a diferenza entre o remo galego e o vasco-cántabro
«O meu soño de pequena era ir de patroa na Bandeira de La Concha». Un soño, recorda Ángela Fernández, daquela imposible. Porque de nena, ver remeiras na regata de regatas da modalidade raíña do remo de banco fixo resultaba, simplemente, impensable. Noutra mostra do moito que, nalgunhas cousas, mudou a sociedade española para ben, a grovense puido cumprir, a lo menos en parte, o seu anhelo. No 2017 e no 2019, como remeira de Mecos-Ribeira e de Mecos-Coruxo, e o ano pasado, xa como patroa de Astillero.
O soño do que fala a arousá pasaba por dirixir na traiñeira a unha tripulación de homes, algo que permiten as bases da Liga Galega de Traiñeiras, pero non as da Liga ACT e de La Concha. Con todo, Ángela dáse por satisfeita. Sobre todo, pola brutal experiencia vivida na súa estrea na gran cita de San Sebastián. Na segunda regata da final en dúas fins de semana da edición do 2017. E non tanto polo terceiro posto de perlas de Mecos-Ribeira na clasificación final, que tamén. «Esa última regata, con ondas xigantes, de catro metros, téñoa gravada na cabeza. Fora impresionante! Houbo que facela en formato contrarreloxio polas condicións do mar, cunha zódiac de salvamento a carón de cada traiñeira. Vías a traiñeira enteira desaparecer co movemento da auga», lembra.
Sobre a experiencia de ter vivido o remo fóra de Galicia, a grovense comenta que o paso por Astillero e pola Liga ET non fixo máis que reafirmar o seu convencemento da calidade dos remeiros galegos e a claridade de onde radica a distancia entre os clubs vasco-cántabros e os galegos. «A cuestión é o apoio económico. Aló o remo move moita xente e ten moitos patrocinadores privados. Iso permítelles subir o nivel, accedendo a mellor material e a un corpo técnico cualificado. Aquí, en Galicia, temos un adestrador, e a maioría traballa de balde ou por pouco. Aló, ademais do adestrador, contan cun preparador físico, cun ou con dous técnicos analistas e cun médico. E iso dálles un puntiño de profesionalidade que nos falta aquí». Porque polo demais, presume Ángela, «en Galicia temos unha calidade de remeiros moi boa. Os remeiros galegos son moi solicitados. Por algo será».