Manuel Fariña, concelleiro de Festas de Caldas: «A grande aposta deste ano é fusionar o estilo de Ortiga co talento da Banda de Música»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

O concelleiro de Cultura e Festas de Caldas, Manuel Fariña, este mércores, no río Umia
O concelleiro de Cultura e Festas de Caldas, Manuel Fariña, este mércores, no río Umia ADRIÁN BAÚLDE

O responsable municipal destaca a traxectoria da pregoeira, Reyes Ferreiro, e sinala o éxito da tempada turística na vila

09 ago 2025 . Actualizado a las 21:18 h.

Son días de moito traballo e xestións para o concelleiro de Cultura e Festas de Caldas de Reis, Manuel Fariña Souto (Caldas, 1989). Este domingo, 10 de agosto, celébrase a Feira Tradicional. É o pistoletazo de saída para as festas de verán.

—Unha oncóloga, Reyes Ferreiro, como pregoeira das festas...

—Si, empezamos o domingo coa Feira Tradicional que contará co pregón de Reyes Ferreiro, que é unha veciña que ten méritos máis que de sobra para poder ler o pregón en Caldas. Penso que conta co apoio unánime e recoñecemento de todos os veciños e do Concello.

—¿Cando se recuperou a figura do pregoeiro das festas?

—Incorporámolo no ano 2023 por primeira vez. Comezou Lúa Piñeiro pola súa extraordinaria carreira deportiva e logo como adestradora. No ano seguinte, no 2024, foi Manolo Piñeiro, un referente do comercio local do pobo e tamén no eido deportivo cunha traxectoria destacada. E nesta ocasión, no 2025, Reyes Ferreiro, oncóloga que ten un currículo máis que coñecido por todos e que sempre estivo implicada na vida cultural e social da vida. Agora desde que está en Madrid nas súas escapadas que fai todos os anos ven ás festas con nós e sempre participa. Pensamos tamén que pode ser unha inspiración para a mocidade ver a unha rapaza de Caldas cunha carreira así de destacada.

—As festas da san Roque celébranse do 13 ao 16 de agosto. No cartel apóstase este ano polo binomio música galega e verbenas. ¿Por que?

—Caldas sempre tivo moitísima tradición de verbenas, desde os momentos nos que estaba o núcleo central da verbena galega asentada no municipio e é parte da nosa cultura popular. E, por outra banda, a música galega con grandes artistas como Guadi Galego ou a grande aposta deste ano de fusionar o estilo impresionante de Ortiga co talento sen igual que temos na Banda de Música de Caldas. É un concerto único no mundo, unha estrea mundial que vai dar moito que falar seguro en Galicia e fóra de Galicia este verán.

—Ademais de Loita Amada e Dakidarría...

—Por suposto, Loita Amada e Dakidarría o día 16 no programa de festas para os amantes do rock e da música galega, nunha cita imprescindible no calendario.

—¿Como vai o verán?

—Diría que estamos vivindo un verán apoteósico. Temos moitísimo peregrino. É certo que os hábitos van cambiando, pero nestas olas de calor vemos que están facéndose co control do Umia, recuperando a vida no río grazas aos visitantes e aos peregrinos. Nesas horas centrais do día están no río ou no pilón resguardándose da calor. Despois inundan a hostalería e as rúas. Desde primeira hora de mañá na oficina de turismo hai colas para recibir atención. Está sendo todo un éxito a tempada turística en Caldas.

—O Concello recomendou hai uns días a veciños e visitantes que moderen o consume de auga. Igual non está de máis lembralo nas festas...

—Hai que moderar o consumo para evitar males maiores despois. Galicia é o país dos mil ríos, pero queremos que siga sendo así e tendo un medio ambiente privilexiado. Caldas multiplica a súa poboación en verán, somos moitos máis, chove moito menos e a capacidade da infraestrutura hidráulica é a que é, non é tanto polo caudal do río como pola propia capacidade da rede que temos. Os recursos son limitados en Caldas e en todos os concellos. Con previsións de choiva tan pouco favorables hai que ser responsables.

—Este ano o día san Roque cae en sábado e o Concello decidiu no seu momento pasar ese festivo local para o 14. ¿Acertouse porque o comercio parece non estar moi contento?

—O 16 de agosto, un ano normal que coincide en día de semana, é festivo en multitude de concellos. Nun ano no que cae en sábado penso que no boletín oficial só en tres concellos é festivo local. Non quere dicir que se cambie o patrón, nin moito menos. Caldas vai seguir vivindo o día 16 como o día grande das festas, pero queriamos seguir mantendo o festivo local nas festas porque beneficia a moita máis xente. Está claro que cando se toma unha decisión hai xente que está a favor e en contra. Este martes tivemos un pleno para aprobar os festivos locais do 2026 e o día 14 volverá ser festivo local sen ningún voto en contra na corporación. Falamos coa asociación de comerciantes e nos dixo que a proposta lles parecía ben.