O milagre de Daniel; o rapaz que se coidou só e agora é un home de letras

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

BUEU

Daniel Chapela
Daniel Chapela XOAN A. SOLER

Acostumado a depender de si mesmo, cursa Filoloxía cunha beca e alterna empregos. Logrou que a Xunta financiase proxectos culturais nos que participa

19 nov 2024 . Actualizado a las 12:15 h.

«Pon que me gusta o sexo a todas horas no titular para que a xente lea a noticia». Daniel Chapela (Bueu, 1999) vacila así coa súa entrevista. Igual leva razón. Pero hai que darlle unha oportunidade a que a súa historia se coñeza polo que é: a traxectoria dun rapaz feito a si mesmo. Daniel, que agora peitea os 22 anos na súa cabeza de universitario, leva moito tempo coidándose só. E ségueo facendo. Di, entre risos e retrancas, porque el non é de xulgar moito a ninguén, que non deixa de quedar abraiado cos compañeiros que levan a roupa a lavar á casa dos pais as fins de semana ou que veñen os domingos cos víveres para non cociñar de luns a venres. Queda perplexo porque a súa vida foi e é outra. Insiste en que non se considera ningún sobrevivente. Pero o é.

Tiña Daniel 17 anos cando as súas profesoras do instituto de Bueu pedían que se lle fixera unha entrevista porque, realmente, o seu caso era excepcional. Xa naquel entón as súas circunstancias familiares empurrárano a vivir só. Facíao a pouca distancia dos seus avós, nunha aldea chamada Meiro na que se convertera en todo un dinamizador cultural. As mestras subliñaban o que era quen de facer no instituto, xa que non só sacaba boas notas senón que axudaba na biblioteca escolar. A maiores, traballaba ás fins de semana para lograr manterse. A súa madurez era tal que, sendo menor de idade, a Xustiza lle deu a condición de emancipado, é dicir, de ser o seu propio titor legal.

Daniel soñaba no instituto con chegar á universidade. E chegou, sen que ninguén o tivese que empurrar para estudar. Tralo bacharelato, foi cursar a Vigo a carreira de Dereito. Ía e viña a diario dende Bueu á cidade olívica e non lle desgustaba a carreira. «Parecerá incrible, pero quedei namorado do Dereito romano», indica. Cando rematou segundo, perdeu á súa bisavoa, a persoa que lle deixara a casa na que el vivía de novo. E iso supuxo un punto de inflexión na súa existencia: «Foi un momento moi complicado no eido persoal, acabei pensando en que tiña que facer o que me pedise o corpo».

E o corpo non lle pediu seguir en Vigo nin facendo Dereito. Deixou a carreira e matriculouse en Filoloxía Galega, onde cursa terceiro cunha media digna de mención. Di que foi feliz dende o minuto cero en Compostela, onde vive. E asegura que para el non foi problema buscar como manterse: «Sempre o fixen, agora teño unha beca do ministerio e vou alternando algúns traballos. Estiven na hostalería moitas veces e fixen outras cousas», indica.

O documental de Xela Arias

Na facultade, o ser inquedo que é non ten parada. Recita de memoria os proxectos nos que anda metido, dende un grupo de teatro a un club de lectura, a elaboración dun podcast ou unha revista cultural. Faino cun compañeiro, José Rama, co que di que formou un dúo tal que «Epi e Blas».

Fóra da universidade, máis letras e cultura. Daniel, buscavidas onde os haxa, formou unha asociación cultural chamada Os Arquivos das Trasnas xunto con dúas compañeiras, Sara Piñeiro e Beatriz Pereira, e manteñen unha conta nas redes sociais na que espallan literatura galega polo mundo. Nesa liña, presentaron un proxecto para dar a coñecer a autores galegos contemporáneos, sobre todo mulleres. E lograron que a Xunta financiase esa actividade para que puideran celebrar unhas xornadas. Chamáronse Literatura nas marxes. A creación alén do canon e serviron para analizar o papel da muller, a maternidade ou o tratamento da homosexualidade na literatura.

Aproveitando o traballo de fin de grao dunha das súas compañeiras, tamén presentaron outro proxecto relacionado con Xela Arias, antes de saber que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas. Novamente, lograron que a Xunta o financiase. «É moi bonito ver que fas cousas con tantas ganas e que atopas o apoio das institucións», conta Daniel. Iso posibilitou que puideran levar un documental sobre a escritora a moitos concellos do rural galego.

Daniel segue a ferver cultura. Di que «hai que estar activos». E farían falla varias entrevistas para que colleran todas as cousas nas que traballa, como unha conta nas redes sociais sobre contidos políticos feitos por universitarios. Esa é o seu novo reto. Seguramente, saia ben. Ou, se cadra, non. O bo de Daniel é que sabe que se cae ten folgos suficientes para levantarse só.