
A cita culinaria repartirá este domingo dúas mil racións
08 mar 2025 . Actualizado a las 16:51 h.Tras a Gala do Chapante do pasado venres e o concerto de OBK previsto para o sábado, a vinte e seis edición da Festa Gastronómica do Lacón con Grelos de Cuntis vivirá este domingo a súa xornada de clausura co reparto na carpa de degustación das dúas mil racións que foron reservadas con antelación.
No caso da Gala do Chapante, esta desenvolveuse nun ateigado Centro Sociocultural Patelas conxugando o humor, a orixinalidade e o recoñecemento ao sector hostaleiro, representado neste caso polos establecementos A Tenda da Ponte e O Cuberto, «galardoados pola súa aposta pola lingua galega e por manter viva a tradición no rural, respectivamente».

No caso de A Tenda da Ponte, o alcalde Manuel Campos lembrou que o seu propietario, Javier Barreiro, leva toda unha vida adicada á hostalería e que sempre apostou por nomes galegos para os diferentes locais que rexentou. En canto a O Cuberto, recolleu a distinción o seu propietario, José Antonio González, a quen o rexedor agradeceu a súa profesionalidade e esforzo, que «mantén viva a tradición deste tipo de establecementos hostaleiros no rural».
A velada estivo amenizada pola compañía de teatro Chumpá, mentres que o vestiario do Chapante, a figura por excelencia do Entroido cuntiense, foi elaborado pola rapazada do Espazo CuntisXove e integrantes do Programa Habilitas, dirixido a persoas con discapacidade, de tal xeito que reivindicou a igualdade, ao coincidir esta festa cos actos do Día Internacional da Muller.

Nesta xornada de domingo, na que se prevé recibir a milleiros de persoas, a programación iniciarase ás 11 horas co pasarrúas da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e coa apertura da Feira de artesanía e de produtos agroalimentarios. Desde o Concello precisaron que, «un ano máis non faltará a camelia no lacón con grelos. Tamén estará aberta a Casa da Cultura coa mostra de Encaixe a cargo das Palilleiras co lacón con grelo e unha exposición de cerámica de Castrolandín».
Ademais, outra mostra centrarase no Entroido Tradicional de Cobres, mentres que ás 12.30 horas comezará o pregón a cargo de Fátima Pego. Asemesmo, ao longo da mañá e durante a comida actuará a charanga Los Támega.
Xa pola tarde, haberá un espectáculo infantil a cargo de Trío Detrés e ás 18.30 horas unha actuación musical con Laura Añón e Ángel Sevilla.A festa finalizará co Velorio do Chapante e o seu posterior enterro.