Marín revélase como o corazón cultural e literario de Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

Ramón Leiro

«Marín, vila do libro» programou máis dunha ducia de actividades este sábado

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala inauguración deste venres, xornada na que se puido gozar show de improvisación no que se mesturou o rap con instrumentos tradicionais ou da conversa que mantivo o pontevedrés Manel Loureiro, Premio Fernando Lara de Novela 2024, co xornalista Ramón Mella, Marín, vila do libro chega este sábado ao seu ecuador. E o fai programando unba boa chea de actividades encamiñadas a converter a Marín, parafraseando a Enric Bono, director de Vila do Libro, no «referente cultural e literario en Galicia».

A fin de contas, o que comezou sendo un proxecto de dinamización cultural e económica para salvar e fortalecer un pequeno pobo do corazón de Cataluña converteuse, dezasete anos despois, no circuíto literario máis estable de España». E, se Pontedeume foi a primeira Vila do Libro galega, Marín configura «o lanzamento da rede de Vilas do Libro en Galicia».

Con estes obxectivos en mente, nesta segunda xornada arrinca na Igrexa Vella (12 h.), onde Pilar Arnau, que estará acompañada de Sebastià Bennasar, achegará a figura do poeta e tradutor Josep M. Llompart, que «levou a poética galega ao catalán de Martín Codax ao século XX». Á mesma hora, pero no Espazo Alameda ? Bernardino Graña, desenvolverase o contacontos infantil Lola Feroz, a cargo de Juan Baquero.

Ademais, e ata as 14 horas, a Rúa Real acollerá un obradoiro dirixido por Sastres Paperers para aprender a facer papel artesanalmente. Previamente, ás 13 horas, celebrarase na Igrexa vella o acto institucional do Día das Letras Galegas, mentres que, media hora máis tarde, o cancioneiro popular e a poesía oral tomarán o protagonismo no Espazo Alameda da man das pandeireteiras marinenses As Chaneiras.

Sesión vespertina

Xa pola tarde, e ás 17, 18 e 19 horas, terá lugar o segundo dos obradoiros, de novo, dirixido por Sastres Paperers, pero centrado nas técnicas de encadernación artesanal. A cita é no Museo Manuel Torres e as prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse en www.viladolibro.gal/marin.

En paralelo, pero na Igrexa Vella, está programado, por unha banda, un recital poético con Richard Pazos e a asociación artística Céltica e, por outra, a escritora e actriz Sabela Hermida aborda a figura, legado e compromiso político e social de María Casares.

A xornada rematará cun relatorio co que Sebastià Bennasar analizará a figura de Manuel Vázquez Montalbán e a súa conexióa coa literatura artúrica e o mito da orixe celta na Igrexa vella (19 horas), espazó que acollerá, dende as 20.30 horas, o Concerto polas Letras Galegas coa intervención da a Coral do Centro Sociocomunitario de Marín, a Coral Ondas do Mar de Vigo e o Coro Liceo de Navia. Previamente, recital poético no Espazo Alameda (19 h.) con Fran Fernández e Tamara Andrés.