A Feira das Industrias Culturais lembra ao autor de Gres coa súa obra póstuma «Romaría de historias»
06 dic 2015 . Actualizado a las 08:32 h.A simultaneidade de actividades é unha mostra máis da riqueza e da diversidade de Culturgal. Onte na feira había tanta cousas, que había que repartirse e elixir. Carlos Veiga e Marta Álvarez, que viñeron de Vigo co seus fillos Paulo e Patricia, de 10 e 13 años, acaban de escribir unha mensaxe no espazo dedicado a Neira Vilas, presidido por un retrato do escritor, no que os visitantes van deixando as súas frases de lembranza. «Nos tamén somos nenos galegos», foi a frase que eles puxeron e tamén a máis repetida.
Son as doce e media da mañá é a familia Veiga consulta o programa e intenta poñerse de acordo na actividade que van ver agora. A filla quere quedar no Espazo Carpa, onde nese momento empeza o espectáculo musical do libro disco Sira e o robot. E aí queda. Mentres que o seu irmán, Paulo, pide que o leven ao espazo de xogos de Miudiño.
Os pais, en cambio, apostan polo Espazo Libro, onde está a piques de empezar a presentación do último libro do escritor de Gres. Culturgal contaba coa presenza de Neira Vilas, truncada polo seu falecemento a pasada semana, e a editorial Galaxia mantivo a presentación do seu último libro Romaría de historias, converténdoa nun acto en memoria do autor, da súa vida e da súa obra, da que falaron Víctor Freixanes, Fina Casalderrey, Dolores Vilavedra e Loli Beloso.
Alí estaban moitos amigos de Pepe Neira e por un deles, Salvador Cervantes, decatámonos de que, probablemente, haberá outra obra póstuma do escritor sobre historias de mariñeiros, xa que el mesmo axudouno como profesional co argot do mundo do mar. O mesmo día que morreu intercambiaron correos nese senso.
Tras estes actos, a familia Veiga volve a reunirse, e xa xuntos deciden pasar polo Espazo Infantil, onde se está falando de Ciencia da man da Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica. Valentín Estévez está a contar de que estamos feitos os humanos dunha maneira lúdica.
Alí os deixamos e nun dos corredores nos atopamos co actor Celso Parada, que estivo apoiando a presentación na feira da programación cultural do Concello de Moraña. Agora estaba a buscar polo recinto á xente do teatro e a xerente do Pazo da Cultura, Pilar Portela, indicoulle que o encontro de programadores de artes escénicas estábase celebrando nunha sala de arriba. Esa é a parte máis profesional de Culturgal que non ve o público.
O que viu foron moitos escritores que no día de onte pasaron pola feira, como Gonzalo Hermo, María do Cebreiro, Manuel Rivas, Marcos Calveiro, Manuel Portas, Arantza Portabales, Andrea Maceira ou Héctor Cajaraville. E tamén músicos, como Cristian Silva, que presentou o seu disco Ego coa participación de Davide Salvado.