Paula Romero: «O noso espírito é facer o que nos apetece»

POIO

MANOLO DOURADO

A cantante deixa claro que «temos un humor ácido e feminista que nos fai sentir orgullosas»

23 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Precisamente, que sexa o Día da Matria para nós é importante. A escolla de De Vacas para ese día non é aleatoria e iso fainos sentir orgullosas», sinala Paula Romero, A Morena de De Vacas, grupo que mañá (21.30 horas) pechará en Poio os actos programados por esta efeméride no parque de Ferreirós.

-Moitas das súas letras teñen unha compoñente altamente reivindicativa moi apropiada para esta data, ¿non?

-Si. A esencia do grupo parte un pouco diso, de facer cousas que moitas veces se consideran irreverentes ou, incluso, inapropiadas. O noso espírito é facer o que nos apetece e, sobre todo, contar cousas que moitas veces non se contan e que cremos que nun escenario son benvidas.

-¿O politicamente correcto está matando a cultura?

-Non so a cultura, está matando calquera tema. De Vacas pode falar da menstruación, de algo do que non se falou nunca, ou pode empregar a retranca extrema para falar de calquera tema ou criticar aquela subvención de Enrique Iglesias de Turgalicia de trescentos mil euros para gravar o seu videoclip en Galicia.

-¿Como xurde De Vacas?

-Xurde dunha tarde de conversas hai catro anos. Inés [Salvado], Faia [Díaz] e mais eu cantábamos xuntas nun coro e empezamos a recordar a nosa adolescencia con moitas risas. Lembrámonos do moitísimo que nos gustaban as Spice Girls e recordábamos absolutamente todo, que tiñamos unha memoria histórica das súas coreografías e das súas letras impresionante, polo que había que facer algo con iso. A idea, en principio, era facer temas das Spice Girls e temos varios no noso repertorio, pero tamén conservar o guachinei, esa lingua en inglés que falabamos cando eramos pequenas e que inda queremos conservar viva como lingua minorizada.

-Moita xente pregúntase para cando o primeiro traballo discográfico de De Vacas.

-É algo que nos preguntan moito. Antes dicíamos que non tíñamos pensado gravalo e agora dicimos que polo de agora non, pero non descartamos facelo. A nosa idea era ir sacando temas acompañados de pequenos vídeos, pero, sobre todo, tocar nos concertos, que é o que máis nos gusta facer. A resposta é que por agora non pero nunca se sabe.

-¿E si lle pregunto por unha canción da que se sinta especialmente orgullosa?

-A verdade é que temos moitas favoritas. Gústame moito a que facemos, precisamente, de Enrique Iglesias. Fixémola en galego a ver si o alcalde de Miami, como el é de alí, pagábanos a nós. De momento, estamos esperando e nunca se sabe. É un tema do que me sento orgullosa que leva á xente a un punto moi bonito de festa. Contamos a historia de unha de nós que coñece a Quique persoalmente.

-Retomando ao concerto de mañá, ¿como son as actuacións de De Vacas?

-Gústame explicalo a través do que nos di a xente cando remata o concerto. Normalmente, din que pasaron un rato moi divertido, que lles sorprende o noso directo, que nada ten que ver cos nosos vídeos, que é un momento moi distendido e que, dende logo, temos moito morro e facemos o que nos da a gana. Temos un humor ácido e feminista que nos fai sentir orgullosas.