Cacabelos pídelle á Xunta o mesmo trato para O Grove que lle dá a Poio á hora de facer obras

La Voz O GROVE / LA VOZ

POIO

Martina Miser

O alcalde meco denuncia os longos anos de espera por algunhas actuacións. O PP repróchalle que se dedique a chorar en vez de a xestionar

03 sep 2024 . Actualizado a las 18:06 h.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, vén de facer pública a súa petición á Xunta de Galicia para que incorpore o crédito suficiente no orzamento deste ano para executar actuacións pendentes no municipio. O rexedor diríxese ao Goberno de Alfonso Rueda logo de coñecer pola prensa o seu interese por executar obras no Concello de Poio: «A semana pasada apremaban ao alcalde de Poio a que acabara ou tramitara o máis axilmente posible un proxecto para unha variante nunha estrada autonómica no municipio, xa que a Xunta estaba moi interesada de incorporalo ao orzamento este ano para poder acometer a obra», engadía Cacabelos.

«Nós levamos quince anos esperando», indicou en alusión ás obras pendentes na rúa Luis Antonio Mestre, para a cal xa existe un proxecto redactado, lembrou o alcalde grovense.

O socialista tamén se queixa da demora na execución de obras na estrada entre A Lanzada e San Vicente para mellorar a súa estética e seguridade viaria así como da falta de resposta da Xunta á vella demanda do Concello para que se amplíe a Autovía do Salnés ata a península meca e evitar así os colapsos do verán.

Resposta do PP

O  grupo popular meco non tardou en reaccionar este martes cunha nota de prensa. «O alcalde leva todo o verán chorando para tentar tapar a súa absoluta incapacidade para conseguir os investimentos que precisa o pobo do Grove e deste xeito, ademais de non conseguir eses fondos de fóra, tampouco lle queda tempo para atender ao noso Concello, que está completamente abandonado», sinala o voceiro municipal, Pablo Leiva.

O concelleiro recalcou que outros municipios gobernados polo PSOE, como Vilagarcía ou Cambados, «si que están a recibir investimentos da Xunta en materia de saneamento, portos, infraestruturas sanitarias ou turísticas, «polo que está claro que non hai unha persecución política contra un alcalde do Grove, senón un señor que é incapaz de negociar e xestionar porque está todo o día laiándose como única forma de entender a política e de conseguir votos».

Fronte a isto, o PP denuncia múltiples carencias no municipio tanto en materia de limpeza como no estado das vías e espazos públicos, que son competencia municipal.