Continúan as celebración de San Martiño en, entre outros concellos, Poio, Campo Lameiro e Bueu. Neste último, a charanga OT animará as rúas da vila dende as 11 horas, mentres que a carpa das Lagoas acollerá xogos tradicionais e inchables —de 11.30 a 13, e de 17 a 19 horas—, mentres que, ás 12, terán lugar na Igrexa de San Martiño os oficios relixiosos na honra de San Roque coa Coral Polifónica de Bueu. Pola tarde, o Centro Social do Mar será escenario do terceiro Concerto de Corais San Martiño de Bueu e, xa pola noite, verbena co Trío Rever e o Grupo Claxxon.
Pola súa banda, o San Martiño de Penalba terá un carácter solidario cos damnificados pola dana do Levante coa habilitación dun total de 40 postos no mercado artesanal. A vertente relixiosa virá da man de dúas misas, unha rezada ás 10 e outra cantada ás 12 horas na capela de San Antonio de Penalba.
Nesta ocasión, habilitarase un espazo para as achegas de axuda humanitaria para as vítimas da dana en formato de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene persoal, desinfectantes...
Ademais, para amenizar a xornada haberá diferentes actuacións musicais, como as de Nós Tamén Imos, da Insua (Ponte Caldelas), a Banda de Gaitas Os Xeitosos da Insua, a Charanga Fanfarria Furruxa ou Marietta.
As alboradas recibirán este domingo aos veciños de Poio, que celebra a festividade dende a Capela de San Martiño, en San Xoán. Ás 13 horas, oficiarase a misa solemne cantada pola Coral de Poio, seguida de procesión, mentres que dende as 14 horas desenvolverase unha sesión vermú con Marietta e Due Eventos e polbeiro. A música será a protagonista, de novo, ás 17 horas co concerto da Escola de Acordeóns de Campelo, todo un prólogo á castañada tradicional. E, dende as 21 horas, actuación de Música Tradicional con Cantanascroas e fin de festa con Due Eventos.
Ese mesmo día tamén celebrará o seu magosto a SCD Samieira, na Comunidade de Montes Río Bois ás 18 horas.