«Eses nenos que cantaban connosco xa son adultos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

Presentaron onte a reedición, vinte anos despois de saír publicada por vez primeira, do disco «Canta connosco!»

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ateigado de nenos e non tan nenos, pero que nalgún caso o eran cando por vez primeira viu a luz o disco Canta connosco!, María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, presentaron onte a reedición deste traballo discográfico aos vinte anos da súa publicación.

-Dúas décadas deste disco, ¿o tempo pasa rápido?

-Carlos: Si. Levamos máis de vinte anos facendo teatro e nas primeiras funcións, nos primeiros espectáculos, queríamos meter cancións. Daquela non había apenas temas en galego, tivemos que facelos. Estaban Suso Vahamonde, Cantareliña... E pouco máis. Ao acabar as funcións preguntábannos onde estaba ese disco, polo que falamos cuns amigos músicos e gravámolas. Fomos por toda Galicia con estas cancións e agora, despois de vinte anos, eses nenos e nenas que cantaban connosco daquela, xa son adultos e moitos teñen fillos, e gústalles os temas. Entón decidimos reeditalo disco, pero con ilustracións de Óscar Villán, con dez videoclips de Sr. Sagüillo e con karaokes para que sigan cantando connosco outros vinte anos.

-Está considerado un disco pioneiro, que marcou un antes e un despois na música infantil en galego.

-María: Eu non sei si é para dicir tanto. O que si é verdade é que agora hai moitos discos de moita calidade e moita xente que se dedica a facer isto, e antes non o había. Había que inventalo e inventouse. Os tempos mudaron e hai no mercado máis posibilidades de acceder á música infantil en galego.

-C: Tivemos a sorte de contar con Paco Vicenta, que fixo os arranxos; con Budiño, que colaborou; e mesmo con Suso Vahamonde... Vicenta fixo un disco moi variado, con moitos ritmos, con rap, rock’n’roll, cumbia, pasodobres, reggae... O éxito do disco está tamén nisto, pero tamén nos contidos. Hai algúns que non pasan de moda, como o fomento da lectura en O libro máxico ou que hai que aprender os osos do esqueleto e a mellor forma de facelo é cunha canción con todos eles e, ao mesmo tempo, pasalo ben. De igual modo, o fomento da nosa lingua, do galego. Aínda hai pais e nais que son galegofalantes entre eles, pero cando teñen un neno fálanlle en castelán. Coa canción de O rap da lingua pretendemos que lle falen tamén en galego.

-¿Que se sinte ao ver a pais e fillos cantando xuntos os vosos temas?

-M: A verdade é que é unha sensación moi bonita. Ves que medraron connosco e que seguen aí. Medraron connosco e que queremos que sigan cantando connosco. En vinte anos o mundo cambiou, a imaxe entra por todos lados e foi cando decidimos facer eses videoclips con e para nenos.