A cultura galega reborda no Pazo

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

A feira espera acadar os 15.000 visitantes ata o domingo

01 dic 2018 . Actualizado a las 14:41 h.

Non hai oco que non estea cuberto na Culturgal, unha feira feita a medida dos produtores, creadores e difusores da cultura galega e do público consumidor desde as idades máis novas.

A Feira das Industrias Culturais abriu onte as portas da súa décimo primeira edición no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se agardan ata o domingo más de 15.000 visitantes arredor dunha programación que ofrece máis de 120 actividades. Un primeiro paseo polo centenar de expositores que enchen o recinto feiral basta para darse conta do que move este proxecto colectivo, que ensambla a todos os sectores da cultura galega, o libro, a arte contemporánea, o cine, a música, o teatro, o deseño, a ilustración...Todo elo integrado na «feira das feiras da cultura galega».

Un 3 % do PIB galego corresponde a industria e a produción cultural, que da emprego a redor de 30.000 persoas, segundo o conselleiro Román Rodríguez. Unhas cifras importantes, aínda que ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, soubéronlle a pouco e asegurou que a cultura galega «dá para moitísimo máis e ten un longo percorrido por diante».

O conselleiro e o alcalde, xunto co deputado Xosé Leal e o presidente en funcións da Asociación Culturgal, Víctor López, foron onte os encargados da inauguración dun evento que reborda propostas creativas. Unha feira na que atopas polos corredores, stands e espazos comúns a unha morea de persoas coñecidas: escritores, editores, libreiros, cineastas, actores, editores, músicos, pintores, magos e demais artistas. E na que se suceden as conversas, presentacións, sinaturas de libros, actuacións musicais e teatrais para todos os públicos.

Os alumnos dos centros de O Toural 8 Vilaboa), Xunqueira 2 de Pontevedra e Ponzos de Ferrol foron onte pola mañá os primeiros en visitar unha feira na que a rapazada ten unha programación infantil específica. Uns engancháronse coa música que nese momento soaba no Espazo Carpa, e outros co Mago Paco, co obradoiro de ciencias do CSI ou cas sesións de contacontos.

Espazo Arte

Se o libro expándese por todo o recinto como principal protagonista, a arte contemporánea ten unha especial e coidada presenza nesta edición de Culturgal. Alí atopamos ao artista luso Ricardo Campos facendo arte en vivo no stand da Bienal de Cerveira, xunto as mostras de galeristas, museos e artistas que participan a modo individual na Culturgal. E tanto o que hai que ver nesta festa da cultura que o mellor e facerse alí mesmo cun programa de man o consultar a programación en culturgal.com.