Que son Galifunk Brass, a banda que abrirá os concertos da semana grande de Pontevedra?

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

FRAN FERREIROS

O grupo, conformado por unha decena de músicos, actuará na Praza da Ferraría

13 ago 2022 . Actualizado a las 16:27 h.

É un entorno, o da Praza da Ferraría, que coñecen ben, xa que actuaron nel, e tamén polas Festas da Peregrina, alá polo 2017. Nesta edición dos festexos de Pontevedra, Galifunk Brass foi a banda escollida para inaugurar as citas musicais da semana grande das festas de Pontevedra.

Pero, ¿quen son Galifunk Brass? Eles mesmos definense como unha decena de músicos procedentes de distintos puntos da bisbarra —Pontevedra, Ribadumia, Portas, Barro, Marín, Cuntis...— que tiñan en común «o gusto pola música actual, así como da música disco, dos 70's, funky...» conformaron no 2016 Galifunk Brass «logo dunha viaxe a Francia dalgùn dos seus compoñentes». Estes, segundo relatan dende a propia banda, «inspirándose noutras brass bands europeas e norteamericanas, como Young Blood Brass Band ou Lucky Chops».

FRAN FERREIROS

A banda destacouse neste anos por buscar «sempre ser orixinais e inspirándose nas brass band americanas, creando un repertorio amplo e variado, con arranxos propios e innovadores». No obstante, recoñecen que, «na súa orixe, Galifunk, tiña unha visión máis humilde da música», aínda que, co paso do tempo, «foi evolucionando ata a actualidade, onde empregan instrumentos electrónicos, como o xilo sintetizador ou unha talkbox». Trátase, segundo inciden, en «instrumentos descoñecidos polo público en xeral, pero que ofrecen unha gama de recursos moi rica e variada».

Deste xeito, dende o primeiro momento decidiron ser «parte da cultura musical do país, dando un punto de vista diferente ao estilo de música ao que se soe asociar a súa formación instrumental, apostando sempre polo bo gusto e sorprender con temas que nunca se esperarían dunha agrupación destas características». E todo isto acompañado por un espectáculo moi variado no que interpretan temas onde «predomina a improvisación, ritmos pegadizos, a virtuosidade e, incluso, pequenas incursións ao rap», destacaron ao respecto.

Ao longo da súa, polo de agora, corta historia, Galifunk Brass amosaron o seu bo facer por boa parte da xeografía galega, de tal xeito que particparon nas festas patronais de Sanxenxo, Barro ou Cuntis, entre outros concellos, así como nas festas da Peregrina do 2017, en Pontevedra, pero tamén nas festas da Dorna en Ribeira ou a feira Corazón da Artesanía que organiza a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, en Agolada. E todo isto se esquecer festivais do calado do Rockin Vila ou o Revenidas, pero tamén no show desenvolto en Culleredo, Castelo conta, no que compartiron espazo con Xose A. Touriñán, Evaristo Calvo, David Amor ou Federico Pérez, entre outros.

FRAN FERREIROS

A súa versatilidade musical permitiulles, asimesmo, participar en, alo menos, dous desfiles de moda. Por unha banda, o de Eva Soto que, dirixido pola presentadora Yolanda Vázquez, se organizou polas festividades de Cambados como Cidade europea do viño 2017, e, por outra, Marín está de Moda, que foi dirixido pola presentadora Lucia Pérez.

A pegada de Galifunk Brass tamén se percebe nas principais redes sociais, caso de Facebook ou Instagram, onde a banda acumula miles de seguidores, mentres que na plataforma de YouTube están dispoñibles vídeos en directo da banda e, entre outros, o seu primeiro videoclip Adventure of a lifetime.

A modo de curiosidade, Galifunk foi a imaxe do Concello de Pontevedra para a felicitación do Nadal «gravando as panxoliñas Noite de Funk e All I Want for Christmas nos anos 2017 e 2018», apuntaron ao respecto.