Teresa Amoedo, directora de instituto: «Hai moitísimos partes polo uso do móbil porque moitos nenos teñen adicción»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Teresa Amoedo, directora del IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra
Teresa Amoedo, directora del IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra Ramón Leiro

La máxima responsable del Frei Martín Sarmiento de Pontevedra cita el caso de una niña de primero de ESO que pone el despertador a las cinco y media de la mañana para consultar las redes sociales

09 ene 2024 . Actualizado a las 10:27 h.

María Teresa Amoedo Giménez asumiu a dirección do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra o 1 de xullo. Non só está de acordo coa medida da Xunta que desde onte prohibe o uso do móbil en toda a xornada escolar, senón que conta que o seu centro xa se anticipara ao protocolo

Hai unhas semanas vostede recoñecía que si había un problema co uso do móbil no centro.

Hai moitísimos partes de conduta derivados do uso do móbil porque hai moitos nenos que teñen adicción e cando lle pides que che entreguen o móbil, porque están facendo un uso indebido del, algúns non o entregan. Tivemos un caso no primeiro trimestre dunha nena que non conseguimos que nos entregara o móbil nin á xefa de estudos, nin á directora, nin ao profesor que estaba na aula. E chamamos á casa e a nai díxonos, ‘Sacádello vós pola forza que eu non son capaz'. Como non queriamos chegar a ese punto foi expulsada por ese tema. A nai dicíanos que esa nena pon o espertador todos os días ás cinco e media da mañá para consultar as redes sociais antes de vir ao instituto. Unha nena de primeiro da ESO.

Ese é un caso extremo, imaxino.

Sen chegar a eses extremos si que hai moitos problemas derivados do uso dos móbiles e cantidade de veces os profesores teñen que estar chamando a atención. No centro xa estaba prohibido no que era a aula, pero non nas entradas, saídas, recreos, onde estaba permitido. Decidimos actuar, aínda que despois saíu o protocolo da Xunta, co cal xa é un apoio moi importante.

Os rapaces volveron a clase tralas vacacións de Nadal. ¿Houbo algún recordatorio?

O protocolo da Xunta saíu o 4 de xaneiro e nós aprobaramos isto en consello e claustro xusto o 21 de decembro, o último día de clase. A comunicación foi vía Abalar durante o Nadal para as familias, pero a maiores eu mandei unha circular a todos os titores para que o recordaran nas aulas aos rapaces. O que fixemos foi dar unha marxe dunha semana. É dicir, se esta semana vémolos co móbil no recreo ou no corredor se lles fai unha chamada de atención e un recordatorio, e cando se empeza a sancionar é o luns que vén, o día 15 de xaneiro, para dar marxe a que o saiban todos por se algunha das familias non leron o Abalar... 

¿Recibiron neste tempo algunha consulta das familias?

—Non.

—O protocolo da Xunta establece algunha dispensa por motivo médico e algún máis. ¿Houbo algún caso deste tipo?

—Aínda non. Por exemplo a orde tamén recolle que se están nunha clase de bacharelato e non teñen ordenador e o profesor necesita que os alumnos accedan a internet e non teñen ordenador, nese caso e con supervisión do profesor, si que se pode usar o móbil. O uso pedagóxico contémplao o protocolo e nós tamén o permitimos, obviamente. En caso de necesidade por algunha causa importante, tamén claro.

—Comentaban este luns no recreo algúns alumnos de ciclos que o móbil forma parte das súas vidas e que o que habería que controlar non é o uso senón o mal uso, dando obradoiros. ¿Que lle parece?

—Xa hai moita información ao respecto, pero si hai unha adicción entre os mozos que é un tema social e familiar que vai máis alá do centro educativo. Por moitos obradoiros que fagas, segue habendo esa adicción e o que vai funcionar mellor é a prohibición total do uso. A nivel social si que habería que ver que é o que está ocorrendo nas familias en xeral que fai que haxa esa adicción.

—¿Como é o procedemento cando un alumno é sorprendido usando o móbil cando non pode?

—Se é menor de idade ten que entregalo ao equipo directivo e ten que vir a familia a recollelo cando poidan ou o consideren oportuno. Non só se recolle o móbil senón que se acompaña dun parte de conduta. Se son maiores de idade unicamente parte de conduta, non se lle retira, si se lle pedirá que o garde.