Un regato convertido en «ducha natural» na praia de Bascuas, en Sanxenxo

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

Ducha natural de la playa de Bascuas, en Sanxenxo
Ducha natural de la playa de Bascuas, en Sanxenxo CONCELLO

O Concello instala unha plataforma de aceiro aproveitando á pendente para crear un servizo único na ría

24 jul 2024 . Actualizado a las 15:23 h.

Esta calorosa semana de xullo ofrece unha novidade refrescante na praia de Bascuas, en Sanxenxo, onde, cunha pequena intervención, o Concello de Sanxenxo dotou aos bañistas cunha «ducha natural». É a única de toda a ría de Pontevedra na que se pode gozar dun baño de auga doce no curso natural dun río que desemboca nunha praia.

Na praia remata o regato Ferradizo, que descende polo monte ata o talude que acaba no areal. A solución adoptada polo Concello non podía ser máis sinxela e á vez máis efectiva. Os operarios municipais instalaron unha plataforma de aceiro inoxidable, aproveitando o tramo final do regato e a pendente do talude antes de chegar xusto á area. «É unha medida ecoeficiente que está tendo nunha gran acollida polos usuarios da praia», sosteñen desde o goberno local.

Ademais, esta ducha é dobremente exclusiva. É a única natural nunha praia na comarca e é a única ducha que existe no concello. Sanxenxo decidiu no 2019 prescindir das duchas nas praia. O executivo xustificou este paso como «unha medida responsable de aforro no consumo de auga» e no seu lugar colocou lavapés, con reguladores do chorro, que evitan que se bote a perder auga. Esta acción supuxo un aforro de 2,5 millóns de litros de auga ao ano, segundo os cálculos dos que dispón o equipo de goberno.

Con este novo servizo, Bascuas reforza a súa singularidade fronte ao resto da oferta de praias na capital turística das Rías Baixas. Este areal é praia nudista desde hai décadas e conta cunha bandeira azul desde o 2006.

Asemade, ten unha lonxitude de algo máis de 130 metros e está incluída na súa totalidade no Sendeiro Azul Montalvo-Major. Desde Bascuas, que mira directamente ao Atlántico, tamén poden observarse outros dos elementos xeográficos máis relevantes deste entorno como a illa de Ons, punta Faxilda e a illa de Sálvora

Por último, Bascuas, que ten todos os servizos e medios de seguridade e socorrismo propios dunha bandeira azul, figura asemade no programa Praia Sen Fume, impulsado pola Consellería de Sanidade. Trátase dun distintivo que «promove unha vida sen tabaco, desnormaliza o seu consumo na sociedade e aposta polo coidado do medio ambiente».